As cinco concelleiras do PSOE de Barbadás deixan o grupo de goberno tras a denuncia por presunto acoso contra o alcalde

OurenseXa
Victoria Morenza Doforno, Marga Pérez Fernández, Ana Belén Peleteiro Prieto, Noemí Pintos Fondevila e María Elisabet González, seguirán formando parte do partido e do grupo municipal socialista
xose-carlos-valcarcel
Xosé Carlos Valcárcel
18 Dec 2025

As cinco concelleiras do PSdeG-PSOE en Barbadás decidiron abandonar o grupo de goberno municipal, aínda que continuarán formando parte do partido e do grupo municipal socialista. Así o trasladaron tras unha reunión mantida este mércores co secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, e co secretario de organización, Antonio González Fiuza.

No encontro participaron as concelleiras Victoria Morenza Doforno, Marga Pérez Fernández, Ana Belén Peleteiro Prieto, Noemí Pintos Fondevila e María Elisabet González, así como o concelleiro José Manuel Morgade Méndez. A decisión prodúcese despois de que o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, anunciase que non vai dimitir como rexedor nin entregar a súa acta de concelleiro, malia ter renunciado á súa militancia no partido.

Desde o PSdeG-PSOE sinalan que a situación deriva do presunto encubrimento por parte do alcalde dun caso de acoso sexual cometido por outro exconcelleiro socialista contra unha militante, feitos ocorridos en 2024 e que, segundo o partido, non foron comunicados á organización. Neste contexto, as concelleiras explican que a súa decisión “é firme” e vén motivada “pola gravidade da situación, que entendemos require unha actuación dilixente, coherente e rigorosa”.

As edís subliñan ademais o seu “rotundo apoio á vítima, que debemos protexer en todo momento, ademais de acompañar durante o proceso”, e aseguran que a saída do goberno municipal é unha decisión “totalmente consensuada”, xa que consideran que non poden “permanecer impasibles nin seguir un minuto máis no goberno municipal”. Tamén recalcan que “o noso partido ten uns valores” e que manteñen unha postura de “tolerancia cero co acoso”.

No relativo ao outro concelleiro socialista, José Manuel Morgade Méndez, este trasladou á dirección provincial que estudará nas próximas horas se continúa formando parte do grupo de goberno ou se segue o mesmo camiño ca as súas compañeiras.

Pola súa banda, Álvaro Vila Araújo afirmou que esta decisión “supón que o grupo municipal socialista seguirá traballando a prol da veciñanza de Barbadás” e reiterou a súa petición a Xosé Carlos Valcárcel para que “sexa consecuente e recapacite, dimitindo como rexedor e entregando as súas actas de concelleiro e de deputado provincial”. O secretario provincial insistiu en que o proceso se está a desenvolver “coas máximas garantías para a denunciante e o denunciado” e reafirmou o compromiso do PSdeG-PSOE de Ourense coa aplicación rigorosa dos seus protocolos contra o acoso e coa protección das vítimas.

⚙ Configurar cookies
0.079607009887695