As concelleiras socialistas que abandonaron o goberno de Barbadás aseguran ter sufrido ameazas por parte do alcalde

OurenseXa
Aseguran que Xosé Carlos Valcárcel “tratou por todos os medios de tapar o caso” tras as acusacións por un suposto acoso laboral e acúsano de telas ameazado con cesalas do cargo se denunciaban
xose-carlos-valcarcel
20 Dec 2025

As cinco concelleiras do PSdeG-PSOE en Barbadás que abandonaron recentemente o grupo de goberno municipal consideran que as explicacións ofrecidas polo alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, sobre un suposto caso de acoso sexual acontecido en 2024 resultan “inadmisibles e insuficientes”.

As edís cuestionan a actuación do rexedor cando, en setembro do pasado ano, forzou a dimisión do concelleiro socialista presuntamente implicado. Ao seu xuízo, aquela decisión “foi insuficiente” e deixou á vítima nunha situación de desprotección. Segundo relatan, a partir dese momento a muller comezou a sufrir “un auténtico calvario”, marcado por episodios de acoso continuado por parte do propio alcalde.

As concelleiras aseguran ademais que, cando o caso saíu á luz, elas mesmas foron obxecto de presións e ameazas. Afirman que “sufrimos unha situación de ameazas pola súa parte, na que nos chegou a dicir que se denunciabamos nos cesaría de forma fulminante”, ademais de recibir en distintas ocasións “palabras fóra de lugar”.

No seu comunicado, sosteñen que o alcalde “tratou por todos os medios de tapar o caso” e consideran especialmente grave que non se informase ao partido duns feitos de tal gravidade. Tamén censuran que, no pleno no que o edil implicado presentou a súa dimisión, Valcárcel o eloxiase publicamente, dedicándolle gabanzas pese a abandonar o cargo por un suposto caso de acoso sexual.

As edís destacan que a vítima “sufriu desde entón acoso por parte do rexedor”, unha situación que derivou nunha baixa psicolóxica de varios meses, “vivindo un auténtico calvario”. Engaden que a muller “afundiuse psicoloxicamente” a raíz das presións e do episodio sufrido, o que lle impediu presentar unha denuncia formal “ao non verse con forzas para facelo”.

A decisión das cinco concelleiras de non continuar no goberno municipal responde, aseguran, a “un exercicio de coherencia”. Subliñan que a vítima “nunca estivo conforme coa actitude do alcalde” nin coa forma na que se resolveu a saída do exconcelleiro, que, segundo critican, “marchou pola porta grande co aplauso cómplice do rexedor”.

Por último, sinalan que a iniciativa do alcalde de promover un manifesto contra o acoso sexual “foi a gota que colmou o vaso”, xa que a vítima o percibiu como “unha auténtica falta de respecto”. Neste senso, consideran “incomprensible” que quen, segundo denuncian, intentou ocultar un posible caso de acoso e tomou represalias contra a denunciante impulse agora declaracións públicas contra este tipo de condutas.

⚙ Configurar cookies
0.080677032470703