As novas obras do Parque Acuático de Monterrei comezarán no mes de xullo

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe as instalacións do parque acuático de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar, que abrirá ao público mañá cun horario continuo de 12.00 a 21.00 horas, todos os días da semana ata o 14 de setembro. Xunto a el estiveron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Durante a visita, Diego Calvo destacou o papel do parque como referente do lecer acuático en Galicia, lembrando que na pasada tempada recibiu preto de 100.000 visitantes. Ademais, anunciou que no mes de xullo está previsto o inicio das fases 3 e 4 do proxecto, cun orzamento de 1,8 millóns de euros e un prazo de execución de oito meses. A Deputación de Ourense será a encargada de financiar estas actuacións.
Segundo avanzou o conselleiro, “isto significa que que o parque acuático de Monterrei seguirá medrando e en 2026 poderemos sumar a todos os seus reclamos dúas novas atraccións: catro tobogáns de caída libre en paralelo e un parque multiaventura con elementos de xogos, como tirolesas, cordas, circuítos en altura ou rocódromos”. Tamén se contemplan melloras na integración da contorna e na calidade dos espazos, co obxectivo de crear un lugar de encontro cómodo e naturalizado.
Estas actuacións forman parte do convenio asinado a comezos de ano coa Deputación de Ourense, que contempla un investimento total de case 3,6 millóns de euros para completar o proxecto entre os anos 2025 e 2026. En conxunto, o custo global da área deportiva e recreativa alcanzará preto de 13 millóns de euros, dos cales nove foron achegados pola Xunta.
Co fin de garantir o funcionamento durante esta campaña estival, está previsto contratar 43 traballadores, incluíndo 19 socorristas, dúas enfermeiras, tres recepcionistas e 19 persoas encargadas do mantemento e limpeza. A capacidade diaria do recinto é de 2.500 persoas.
RENOVACIÓN DA PISTA DE ATLETISMO
O titular de Deportes tamén anunciou que o vindeiro mes de xullo comezarán as obras de renovación da pista de atletismo do complexo, cun investimento próximo aos 500.000 euros. O obxectivo é acadar a homologación da instalación por parte da Real Federación Española de Atletismo.
O parque acuático forma parte dun conxunto máis amplo que combina áreas deportivas e de lecer. Por un lado, conta cunha zona con pistas de tenis, pádel, un circuíto de cross, pump track e unha pista polideportiva, que xa fora executada nunha fase anterior cun investimento da Xunta superior ao millón de euros. Por outro, atópase a zona acuática, financiada integramente polo Goberno galego na súa primeira fase cun total de 7,8 millóns de euros, destinada á construción de accesos, servizos, piscinas, tobogáns e zona infantil.