As obras da segunda fase do Parque Acuático de Monterrei poderían comezar a finais de ano

O Complexo Deportivo de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar, avanzará coa súa ampliación tras saír a licitación o pasado 13 de agosto a segunda fase do parque acuático, cun orzamento próximo aos 1,9 millóns de euros, segundo a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.
Esta nova etapa permitirá completar o parque acuático, ampliando as instalacións cara ao nordés e incorporando novos vasos e elementos lúdico-deportivos. Está previsto que as obras comecen en decembro, cun prazo de execución estimado de seis meses, para que as novas zonas poidan estar dispoñibles de cara ao verán de 2026.
O proxecto contempla a creación de áreas de esparexemento e relaxación, cun río lento que rodeará espazos de paseo e zonas verdes. Ademais, incluiranse chorros e pequenas pontes para facer máis atractivo e dinámico o percorrido entre a vexetación.
Esta actuación forma parte do convenio entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense para garantir a finalización do parque, co compromiso da Deputación de investir case 3,6 millóns de euros na segunda fase. Así, completarase o parque acuático e consolidarase un gran complexo lúdico-deportivo que combina a zona deportiva coas novas instalacións de lecer e relaxación.
O orzamento total do complexo supera os 13 millóns de euros, dos que nove millóns foron achegados pola Xunta. O espazo deportivo conta con pista polideportiva, pistas de tenis e pádel, circuíto de cross, pump track e a primeira fase do parque acuático, que incluíu edificio principal, área infantil, tobogáns e piscinas.
O Complexo Deportivo de Monterrei iniciou a súa tempada de verán 2025 en xuño e permanecerá aberto ata o 14 de setembro, en horario continuado de 12:00 a 21:00 horas. Durante 2024, o parque recibiu arredor de 100.000 visitantes, destacando a súa relevancia tanto para os veciños como para atraer turismo de Galicia e do norte de Portugal.