As obras na Avenida de Portugal poderían retomarse a vindeira semana, segundo o Concello

As obras da Avenida de Portugal poderían retomarse ao longo da próxima semana, segundo anunciou este mércores o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.
O rexedor explicou que, logo de que os técnicos municipais avaliaran todas as opcións posibles, procederase a rescindir o contrato asinado no seu día polo Concello coa empresa Opain para executar os traballos de humanización da rúa por un “abandono flagrante da obra sen xustificación”. Desta forma, o consistorio adxudicará o reinicio dos traballos polo procedemento de emerxencia, esperando que se podan retomar xa a vindeira semana.
Pérez Jácome detallou que, de acordo co establecido na lexislación, o Concello “procederá á retención de avais e a impoñer as sancións pertinentes á empresa, e facela responsable de todas as perdas que se poidan ocasionar, incluídas, se as hai, perdas de subvencións”. Ademais, o Concello valora solicitar a prohibición de que a empresa Opain poida seguir contratando con calquera administración pública en toda España durante 5 anos.