As persoas maiores de 60 anos residentes na provincia de Ourense poderán participar nun proxecto transfronteirizo sobre lonxevidade

OurenseXa
O proxecto comezará nos concellos de Celanova, Verea, Gomesende, Ramirás, Quintela de Leirado, A Merca, Cartelle e Pontedeva, aínda que está aberto á incorporación doutros concellos ourensáns
foto-recurso-maiores
21 Dec 2025

Celanova acolleu esta semana a presentación de Iberlongeva, unha iniciativa transfronteiriza entre España e Portugal que busca mellorar o coñecemento sobre a lonxevidade saudable e previr situacións de fraxilidade en sociedades cada vez máis envellecidas. O proxecto está promovido pola Universidade de Vigo, a Universidade de Salamanca e o Instituto Politécnico de Bragança, baixo a coordinación do Centro Internacional sobre o Envellecemento (Cenie).

O acto celebrouse no Concello de Celanova coa colaboración da Mancomunidade Terra de Celanova e reuniu representantes institucionais, académicos e científicos vinculados á iniciativa. Entre eles participaron o vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo; o presidente da Mancomunidade, Jaime Sousa; a súa vicepresidenta, Pura Rodríguez; o director do Cenie, Juan Martín; a catedrática de Fisioloxía da Universidade Complutense de Madrid, Mónica de la Fuente; o subdirector da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Durante a apertura subliñouse a idea común de que a lonxevidade debe abordarse como unha oportunidade social e non unicamente como un reto sanitario.

Iberlongeva está financiado a través do programa europeo Interreg España–Portugal (POCTEP 2021–2027) e desenvolverase nos territorios de Ourense, Bragança e Zamora. A provincia ourensá terá un papel destacado no traballo de campo, que alcanzará a máis de 1.000 persoas no conxunto das tres zonas. En Ourense, os equipos estarán formados por profesionais da Escola Universitaria de Enfermaría e da Escola Superior de Enxeñaría Informática, en coordinación cos centros universitarios de Zamora e Bragança.

O proxecto combinará a análise de factores sociais, físicos e cognitivos que inflúen no benestar e na autonomía das persoas maiores, apoiándose en ferramentas avanzadas de análise de datos desenvolvidas xunto á Universidade de Vigo e á Fundación CTIC. A información recompilada integrarase no futuro Observatorio para unha Longevidade Activa e con Sentido (OLAS), concibido como unha infraestrutura científica orientada a transformar o coñecemento en recursos útiles para a cidadanía e os sistemas públicos.

Nas próximas semanas abrirase o proceso de inscrición para persoas maiores de 60 anos residentes na provincia de Ourense interesadas en participar. Cada unha delas recibirá unha avaliación individual e gratuíta do seu estado de saúde e benestar, ademais de recomendacións personalizadas orientadas á prevención e á mellora da calidade de vida. O proxecto comezará nos concellos de Celanova, Verea, Gomesende, Ramirás, Quintela de Leirado, A Merca, Cartelle e Pontedeva, aínda que está aberto á incorporación doutros concellos ourensáns.

O traballo de campo desenvolverase entre xaneiro e abril de 2026 e os primeiros resultados daranse a coñecer no segundo semestre do ano. Iberlongeva estrutúrase en dous grandes ámbitos de análise: un social, centrado nas redes de apoio e nas condicións de vida, e outro sanitario, que permitirá obter unha primeira valoración física, funcional e emocional das persoas participantes. En fases posteriores incorporaranse avaliacións clínicas máis detalladas relacionadas coa mobilidade, a forza, a nutrición e a lucidez.

⚙ Configurar cookies
0.081333875656128