As procesións do Domingo de Ramos provocarán cortes de tráfico no centro de Ourense

As procesións do domingo de Ramos requirirán realizar cortes e restricións de tráfico en varias rúas do centro da cidade e dos barrios da Ponte e da Carballeira pasado mañá, domingo, 13 de abril.
No caso da procesión do centro, ás 10.30 horas pecharanse á circulación de vehículos as rúas polas que discorre: Curros Enríquez (Subdelegación do Goberno), Paseo, Lamas Carvajal, Praza de Santa Eufemia e Xoán de Austria (entrada á catedral pola rúa Lepanto).
Os vehículos que circulen polas rúas Concello e Xoán XXIII desviaranse por esta última cara á Avenida da Habana. Os que circulen pola Avenida da Habana non poderán acceder a Xoán XXIII e deberán seguir en sentido descendente.
Procesión do barrio da Ponte
Na parroquia das Caldas, ás 11.30 horas pecharanse as rúas: Avenida das Caldas, Vicente Risco, Francisca Herrera e Avenida de Santiago. Nas Caldas, o tráfico procedente da rúa Gómez Franqueira desviarase para continuar pola Avenida de Marín, e o procedente das rúas do Ribeiriño e Ribeira de Canedo, deberá avanzar pola rúa Mercado.
Tamén haberá restricións na rúa Basilio Álvarez, no treito que vai desde a Ponte do Milenio até o Parque da Ponte, xa que o tráfico desviarase para continuar por Xesús Pousa, Basilio Álvarez (en sentido Vigo) ou a Ponte do Milenio.
Na Rúa Vicente Risco, no treito comprendido entre a Avenida das Caldas e a Avenida de Marín, o tráfico procedente da Ponte Nova e da Avenida de Marín será desviado para continuar pola avenida de Marín cara á estación intermodal.
Procesión do barrio da Carballeira
A procesión da parroquia do Sagrado Corazón da Carballeira percorrerá a Praza da Lexión, a rúa Castelo Ramiro e a Praza do Sagrado Corazón, que se pecharán sobre as 11.15 horas. Na rúa Castelo Ramiro, o tráfico procedente de Cabeza de Vaca será detido para que pase a procesión. Cando a comitiva pase a intersección de Castelo Ramiro e a Praza da Lexión, circulará detrás dela. O tráfico procedente da rúa Fernández Alonso que desexe acceder a Nicomedes Pastor Díaz, deberá circular cara a Martínez Sueiro.