As promesas do atletismo galego danse cita este domingo en Expourense

OurenseXa
A pista cuberta de Expourense acolle o XXIX Campionato Xunta de Galicia de Atletismo Sub-20
Pista de atletismo de Expourense
Pista cuberta de Expourense
16 Feb 2025

Este domingo, Expourense será o escenario do XXIX Campionato Xunta de Galicia de Atletismo Sub-20 en pista cuberta, un evento organizado pola Federación Galega de Atletismo no que se darán cita as novas promesas do atletismo autonómico.

Entre os grandes favoritos destacan Mauro Vázquez, do Vila de Cangas, e Ricardo Cortizo, do Celta Atletismo, recentes campións galegos absolutos en 60 e 200 metros respectivamente, que buscarán revalidar o seu dominio na categoría sub-20.

Nas probas de medio fondo, Iker Fernández, medallista de bronce absoluto, competirá en 1.500 e 3.000 metros, onde parte como un dos principais aspirantes ao título. Na categoría feminina, a campioa absoluta Sara Guedes, do Atlética Lucense, intentará repetir vitoria en 1.500 metros, mentres que Leyla Villar, finalista do Campionato de España 2024, será unha firme candidata ao ouro nos 3.000 metros.

Nas probas de valos, Pablo García, do ADAS CUPA, chega cunha marca de 8.33 segundos, o que o sitúa na loita polo podio. Nos concursos de saltos, destacan Diego Martínez (altura), Miguel Carbajales (pértiga) e o medallista de bronce absoluto Gonzalo Cuns (triplo salto), que intentarán acadar o primeiro posto nas súas respectivas disciplinas.

Na categoría feminina, Aroa Martínez, do Rías Baixas, parte coa mellor marca en valos, do mesmo xeito que Alexandra Lence, do Celta Atletismo, en pértega. No concurso de lonxitude, a finalista do pasado Campionato de España, Antía Pernas, e Marina Artemia Pérez, en triplo salto, buscarán consolidarse entre as mellores de Galicia. Pola súa banda, Gema Dacosta, do Vila de Cangas, perfílase como a gran favorita na proba de lanzamento de peso.

O evento reunirá ás novas promesas do atletismo galego, coa expectativa de ver grandes actuacións e novos récords na pista de Expourense.

0.17689394950867