As reclamacións das empresas concesionarias do Concello de Ourense superan os 25 millóns de euros
Desde o Grupo municipal do BNG lembran que “levamos moito tempo alertando da situación económica do Concello, unha situación alarmante. Facturas no caixón por importes elevadísimos, concesionarias que reclaman cantidades millonarias debaixo das alfombras e sen contabilizar e a todo esto, únese que a xustiza anula o capítulo I do Orzamento actualmente prorrogado e que data do ano 2020, o cal nos deixa nunha situación verdadeiramente límite”.
Quen fala é o Portavoz nacionalista Luís Seara, quen sinala “ter reclamado desde hai moito tempo ao Goberno Local que ten que pór solución a esta situación e a mesma pasa pola presentación dun borrador de Orzamentos e un plan económico-financeiro que permita paliar esta grave situación”, ao que engade, “temos debatido en múltiples ocasións neste Concello ao respecto das concesións administrativas, todas elas a día de hoxe, en precario. Temos pedido en varias Xuntas de Área no mandato pasado e no actual, a celebración dunha reunión monográfica para coñecer os pormenores de cada unha delas, obtendo a calada por resposta”.
Seara referenciou o feito de que “algunhas empresas reclamaron no Xulgado as cantidades correspondentes ao pago real polos servizos prestados. Aí temos o caso da empresa concesionaria do transporte publico ou o caso da EDAR de Reza”.
Ás anteriores, debemos engadir, sinalan desde o BNG, “as reclamacións da concesionaria do Servizo de limpeza e recollida de lixo, a UTE ECOURENSE, empresa que leva en precario desde marzo de 2022 e que reclama preto de 5 millóns de euros desde entón e até o 31 de decembro de 2023. Nós xa denunciamos esta situación en xaneiro deste ano”.
Por parte do Concello de Ourense a resposta é que seguirá pagando en base aos prezos que figuran nun contrato extinto a día de hoxe tanto no seu perioro inicial como no das prórrogas, motivo polo que existen discrepancias entre o Concello e a concesionaria. Diante desta situación, o Concello decidiu dar traslado ao Consello Consultivo de Galiza para que se manifestara sobre a cuestión.
Emitido o Ditame por parte do Consello Consultivo, e avaliado polo BNG, Luís Seara advirte que “este sinala en primeiro lugar que a situación referida no expediente pón de manfesto “unha grave irregulariedade en materia de contratación administrativa, recoñecida polo Concello, por canto que desde marzo de 2022 o servizo estase a prestar sen abeiro legal. Esta situación resulta contraria aos principios de eficacia e legalidade que debe presidir todo tipo de actuacións administrativas, artigo 103 da CE e de liberdade de acceso ás licitacións, publicidade e transparencia dos procedementos, libre competencia e a selección da oferta económicamente máis vantaxosa que debe presidir a contratación pública, artigo 1, da lei de Contratos do sector público”. A maior abastanza, o Consello Consultivo advirte ao Concello da necesidade de corrixir á maior brevidade posible esta situación.
No referido as reclamacións da concesionaria, Luís Seara sinala que “esta solicita que os pagamentos se fagan en base ao custe real do servizo a día de hoxe e o Concello argumenta que está en vigor unha prórroga forzosa do contrato e que o pagamento farase en base aos prezos que nel figuran, un contrato asinado en 2010”.
Diante desta situación, “o Consello Consultivo argumenta que non estamos diante dunha prórroga forzosa pois o contrato extinguiuse tamén no referido ás prórrogas polo que a revisión de prezos non pode facerse, tal e como argumenta o Concello, en base a el”.
O Consello conclúe que, “non consta ningún elemento de culpa da empresa na situación de irregulariedade contractual e polo tanto resulta procedente que a empresa cobre ou deba ser indemnizada por todos os gastos que deberán ser concretados no correspondente expediente contradictorio no que se acorden os prezos”.
Desde o Grupo municipal do BNG rebaten ao Alcalde xa que, segundo Luís Seara, “o argumento de Jácome de que as concesións administrativas en precario son máis rendibles é unha falacia. Primeiro porque a concesión está amortizada, en segundo lugar porque en moitos casos os medios materiais xa están obsoletos e ademais o custe é moito máis elevado, algo que a veciñanza ten dereito a saber”.