As rúas Ervedelo e O Progreso estarán pechadas ao tráfico este luns
A Policía Local do Concello de Ourense informa de que a celebración da tradicional procesión de Fátima (desde o barrio do Couto até a catedral de San Martiño) requirirá este luns, día 13 de maio, pechar ao tráfico de vehículos desde as 22.00 horas as rúas polas que discorrerá.
Os cortes afectarán ás rúas Ervedelo (desde a intersección coa Rúa Monseñor José Álvarez até O Progreso) e O Progeso (desde a intersección con Ervedelo desviando o tráfico á altura da rotonda de Concepción Arenal, e desde a baixada á Praza de Abastos, desviando o tráfico cara á rúa Irmáns Xesta)
Tamén se pecharán ao tráfico diferentes vías que xa son peonís, como son a Praza de Eugenio Montes, a rúa Cruz Vermella, a rúa Lamas Carvajal, a Praza de Santa Eufemia e a rúa Xoán de Austria.
Protección civil estará presente en cada un dos cruzamentos por onde discorrerá a procesión, coa finalidade de informar de calquera incidencia que se poida producir, así como de resolvela, e de prestar atención de primeiros auxilios se fose precisa. A procesión estará cardio protexida, xa que durante o percorrido disporán de desfibriladores por se fosen necesarios
Desde o servizo municipal solicitan que o público participante siga as instrucións que en cada momento se dean desde a Policía Local e da propia Protección Civil, que garde a debida precaución e distancia coas velas para evitar queimaduras accidentais e siga calquera outra medida ou indicación que se repita a través da megafonía e a radio.
Lembran desde Protección Civil que esta procesión é unha das concentracións de persoas máis numerosa das que se realizan na nosa cidade, e o obxectivo do servizo municipal é que discorra de forma dinámica e segura.