As rutas culturais da UVigo de 2024 remataron cun percorrido por Nogueira de Ramuín
As rutas culturais da UVigo remataron esta fin de semana cun percorrido polo concello ourensán de Nogueira de Ramuín, na Ribeira Sacra, e un magosto.
Con este percorrido remata a programación de andainas culturais deste primeiro cuadrimestre da Universidade de Vigo, que arrancou o pasado 26 de outubro, baixo o título Roteiro de Praias de Portugal (Caminha-Portugal). Seguiulle o 9 de novembro o itinerario Cultura e Natureza (Montederramo-Macizo Central) e o día 30 do mesmo mes a ruta Camiño Patrimonial e Etnográfico (Silleda-Terras do Deza), destacando desde a organización a boa acollida de cada unha destas propostas entre o público, tanto entre a comunidade universitaria como a cidadanía en xeral.
O campus de Ourense, a través da Área de Benestar, Saúde e Deporte, retomará o vindeiro curso esta actividade que leva aos participantes a coñecer diferentes espazos naturais da provincia e na que poden participar tanto membros da comunidade universitaria como os externos a ela.