As rutas culturais da UVigo deste curso rematarán cun percorrido polo Camiño dos Faros

Este sábado, 26 de abril, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo celebrará a décima e última andaina cultural do curso 2024/2025. Para clausurar esta actividade, escolleron un tramo do Camiño dos Faros, que conecta a vila de Arou co cabo Vilán, no concello de Camariñas. Esta ruta, situada na Costa da Morte, discorre por paisaxes como praias sen urbanizar, o coñecido Cemiterio dos Ingleses e o histórico faro Vilán, o primeiro en España en empregar luz eléctrica, símbolo das difíciles condicións mariñas do Atlántico. O traxecto ten unha dificultade media e abrangue uns 17 quilómetros ao longo da costa coruñesa.
A inscrición para participar nas rutas culturais está dispoñible exclusivamente para a comunidade universitaria ata o luns anterior á actividade, a través do Campus Activo da UVigo. Se quedan prazas vacantes, entre o martes e o xoves previos á ruta, poderá apuntarse calquera persoa interesada. O custo varía segundo o vínculo coa Universidade de Vigo, e está aberta tamén a participantes externos. Ademais, cada ruta completada supón un recoñecemento de 7,5 horas ECTS por día. A organización proporciona autobuses desde os tres campus universitarios para facilitar os desprazamentos.
Esta camiñada servirá como peche a un ciclo que durante o cuadrimestre levou aos participantes a distintos puntos de interese natural e cultural como Covelo e o serradoiro dos Carranos, a Ribeira Sacra desde Castro Caldelas, a devesa da Rogueira no Courel, o Camiño de San Rosendo e o xacemento romano de Aquis Querquennis en Bande, así como as Fragas do Eume.