As socialistas de Barbadás piden dar continuidade ao paseo literario Carmen Martín Gaite

OurenseXa
Piden ademais que se instalen postes e paneis informativos e de sinalización da ruta
pseo-literario-piñor-carmen-martin-gaite-barbadas
Paseo Literario de Carmen Martín Gaite
29 Jan 2026

As concelleiras do PSdeG-PSOE de Barbadás veñen de presentar unha moción para pedir que se lle dea continuidade á promoción do paseo literario Carmen Martín Gaite de San Lourenzo de Piñor e reforzar os proxectos vinculados á difusión da obra da escritora universal.

As socialistas reclaman “un compromiso institucional” con esta iniciativa co obxectivo de “consolidar e continuar promocionando o mencionado paseo”. A través desta moción, buscan “que goberno municipal se reafirme con este proxecto cultural e educativo, garantindo a súa continuidade, en colaboración cos profesionais que o puxeron en marcha e contribuíron ao seu éxito, como o profesor, David González Couso e o xornalista e divulgador, Luís Congil”.

O texto da moción contempla tamén a petición de executar actuacións pendentes, como a colocación de postes e paneis de sinalización da ruta centro en aceiro corten, así como a instalación de paneis informativos e material audiovisual no local social de Piñor, futuro centro de interpretación, actuacións xa subvencionadas pola Xunta de Galicia.

“Non ten sentido contar con subvencións concedidas e proxectos definidos se logo non se materializan. Falamos de mellorar a accesibilidade, a seguridade dos peóns e a calidade dun espazo cultural único”, sinala a concelleira socialista, Ana Belén Peleteiro Prieto, en referencia ao anteproxecto de obras incluído no plan director da ruta centro, que “podería executarse a través do Plan EDIL de fondos europeos”.

Ademais, o PSdeG insta ao goberno municipal a esixir á Deputación de Ourense que cumpra o compromiso adquirido en 2025 para subvencionar con, cando menos, 20.000 euros, a produción do filme Flores de Verán, do director Emilio Pérez Calviño, un proxecto audiovisual directamente vinculado á figura de Carmen Martín Gaite e a San Lourenzo de Piñor.

⚙ Configurar cookies
0.083739995956421