As socialistas de Barbadás piden reformar varios parques en Piñor, Filgadiño, Sobrado e Loiro

OurenseXa
A finalidade da proposta, sinalan, “é que estas zonas recreativas volvan converterse en punto de encontro fundamental para as familias e para a convivencia veciñal”
concelleiras-psoe-barbadas
27 Jan 2026

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Barbadás vén de presentar unha moción que será debatida no vindeiro pleno, na que piden ao goberno municipal a que se activen os proxectos e iniciativas para a reforma dos parques da contorna da igrexa de Piñor, do Filgadiño, en Sobrado e da zona infantil e deportiva de Loiro.

Con esta iniciativa, as concelleiras socialistas buscan “que estes lugares de xogo sexan mellorados substancialmente”, facendo fincapé no traballo previo polo PSdeG durante a súa gobernanza.

O texto da moción insta ao Concello a buscar financiamento para proceder á reforma dos parques Filgadiño, en Sobrado e o de Loiro, así como habilitar unha partida orzamentaria para formigonar a zona deportiva de Loiro, situada a carón do antigo teleclube.

Ademais, as socialistas reclaman poñer en marcha a reforma do parque do tanatorio de Piñor, a través dunha partida que se recollía no anexo de investimentos de 2025 e a que se mellore a contorna do cruceiro de Zama e a zona de esparexemento.

A voceira socialista, Victoria Morenza Doforno, destaca que as zonas recreativas de ocio infantil “son fundamentais para que as crianzas desfruten socializando con outros nenos e outras nenas, potenciando a creatividade e a psicomotricidade”, apunta a que en Barbadás “hai varios parques infantís que poden mellorar as súas prestacións a través de reformas que abranguen aos peches do perímetro, ao chan e aos elementos de xogo”.

“A finalidade da proposta é que estas zonas recreativas volvan converterse en punto de encontro fundamental para as familias e para a convivencia veciñal”, sostén Morenza, que sinala que o que se pretende con estas propostas é “que estes espazos se transformen en zonas lúdicas modernas, cómodas e inclusivas, adaptadas aos estándares actuais e pensadas para tódalas crianzas, independentemente das súas capacidades”.

En relación ao Fidalguiño, as concelleiras socialistas salientan que a rehabilitación e mellora cara un parque infantil inclusivo “xa conta cun proxecto técnico con varias melloras, pero precisa dun impulso para a súa posta en marcha”.

Sobre o parque infantil de Loiro lembran que en meses anteriores “realizáronse visitas de comprobación para proceder a cuantificación económica, co apoio dos técnicos especialistas en zonas de ocio e mellorar así as deficiencias existentes”. Así mesmo apuntan a que a zona deportiva de Loiro “precisa con urxencia unha intervención, a pesar de que xa estaba prevista para o ano 2026”, xa que tal e como apuntan as edís do PSOE “o estado actual con lama e malas herbas impide por completo a práctica de calquera deporte”.

Pola súa banda, respecto ao de Piñor, lembran que “xa se podería efectuar unha intervención para rematar co deterioro, xa que dita actuación atopábase incluída no anexo de investimentos dos orzamentos municipais de 2025, que foron prorrogados”. De igual forma, as concelleiras socialistas piden que “se poña en valor” o cruceiro de Zama, “un elemento histórico e de gran valor patrimonial, cultural e turístico do concello”.

⚙ Configurar cookies
0.084573030471802