As socialistas de Barbadás piden reforzar a perspectiva de xénero nas políticas de saúde pública

OurenseXa
Piden ao Concello instar á Xunta de Galicia a adoptar medidas neste sentido e o reforzo das accións de información e sensibilización e actividades de educación para a saúde dende o Goberno municipal
victoria-morenza-psoe-barbadas
7 Apr 2026

O PSdeG-PSOE de Barbadás vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno do 13 de abril na que reclaman avanzar na incorporación da perspectiva de xénero nas políticas públicas de saúde, co obxectivo, din, de mellorar a atención sanitaria das mulleres en Galicia.

Segundo explica o grupo municipal, durante décadas tanto a investigación biomédica como o deseño das políticas sanitarias tomaron como referencia principal o corpo masculino, o que xerou importantes carencias no coñecemento sobre a saúde das mulleres. Esta situación, advirten, derivou en moitos casos en diagnósticos tardíos, infradiagnóstico de enfermidades ou tratamentos menos axeitados.

Por este motivo, a concelleira socialista Ana Belén Peleteiro Prieto sinala que “é imprescindible corrixir esta desigualdade histórica e avanzar cara a un sistema sanitario que teña en conta as diferenzas reais entre mulleres e homes”. Ademais, lembra que “falar de perspectiva de xénero en saúde non é unha cuestión ideolóxica, senón de rigor científico e de xustiza social”, e subliña que “só así poderemos garantir unha atención máis eficaz, máis equitativa e adaptada ás necesidades de toda a poboación”.

A moción insta á Xunta de Galicia a adoptar medidas como mellorar a recollida e análise de datos sanitarios desagregados por sexo, impulsar a investigación en enfermidades que afectan de forma específica ou diferenciada ás mulleres e reforzar a formación do persoal sanitario en materia de saúde e xénero. Ademais, propón a elaboración dunha estratexia galega para a atención integral da saúde das mulleres, que inclúa cuestións como enfermidades infradiagnosticadas, saúde menstrual, climaterio e saúde mental con enfoque de xénero.

No ámbito local, o grupo municipal socialista pide que o Concello de Barbadás desenvolva accións de información e sensibilización, así como actividades de educación para a saúde con perspectiva de xénero. Neste sentido, Peleteiro destaca que “os concellos tamén temos un papel clave na prevención e na promoción de hábitos de vida saudables” e afirma que “a coordinación entre administracións é fundamental para avanzar nunha atención sanitaria máis xusta”.

0.15236783027649