As socialistas de Barbadás sacan adiante as súas propostas para restrinxir o tráfico na rúa ensino e mellorar as piscinas

OurenseXa
Dende o PSdeG destacan que ambas mocións teñen “especial relevancia para a veciñanza”
concelleiras-psoe-barbadas
3 Mar 2026

O pleno do Concello de Barbadás aprobou onte as dúas mocións presentadas polo grupo municipal do PSdeG-PSOE. A iniciativa para crear unha contorna escolar sen tráfico na rúa do Ensino contou co apoio de PSdeG e BNG, mentres que o resto de grupos se abstivo. Pola súa banda, a moción relativa á mellora das piscinas municipais e da súa contorna obtivo o apoio unánime de todos os grupos políticos.

Dende o PSdeG-PSOE destacan a “política construtiva” das concelleiras socialistas e sinalan que ambas mocións teñen “especial relevancia para a veciñanza”. As socialistas valoran ter acadado os apoios necesarios e subliñan que “o traballo realizado ao longo dos últimos anos dende o goberno municipal, segue agora dende a oposición, con iniciativas pensadas para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

Sobre a contorna escolar segura na rúa do Ensino, a concelleira Marga Pérez Fernández explicou que esta proposta “sería o colofón da rúa Catalina e unha medida para que as crianzas tomaran as rúas para desfrutar dun espazo amable, amigable e seguro”. Pérez destacou que nesta zona “concéntranse varios equipamentos públicos de especial sensibilidade, como son o colexio de infantil e primaria CEIP Filomena Dato, con preto de 300 escolares, unha escola infantil municipal á que acoden 90 crianzas, un centro de reunión de persoas maiores, a escola de música municipal, as instalacións do banco solidario e a oficina da policía local”.

A edil recordou tamén que “dende hai varios anos as e os socialistas estamos moi concienciados coa mobilidade segura no camiño aos colexios e así o puxemos en valor dende o goberno municipal, programando diferentes actividades en cada curso escolar, sempre co afán de trasladar ás familias e á sociedade unha mensaxe clara sobre os beneficios de acudir camiñando aos centros de ensino e sobre a importancia de reducir o uso innecesario do coche”. Pérez concluíu que “temos que seguir traballando nesta liña, para que Barbadás continúe avanzando en materia de seguridade viaria e mellorando a contorna dos centros de ensino para as nosas crianzas”.

En canto á mellora das piscinas municipais, que obtivo apoio unánime, a concelleira Noemí Pintos Fondevila sinalou que os traballos “íanse realizar a comezos de ano” e lembrou que o pasado verán “as piscinas de Barbadás foron as primeiras da provincia en abrir, polo que entendemos que as melloras deben levarse a cabo canto antes”. Pintos destacou a necesidade de “mellorar os sistemas de depuración, proseguir coas múltiples actividades ofertadas o verán pasado, realizar cambios nas piscinas pequenas e melloras nas zonas de vestiarios”.

A concelleira tamén subliñou a importancia do financiamento doutras administracións, como aconteceu noutros concellos da provincia, para levar a cabo melloras estruturais, poñendo como exemplo o caso de Pereiro de Aguiar, “con notables modificacións na oferta ás persoas usuarias do parque acuático de Monterrei, sufragadas por Xunta e Deputación”.

Pintos rematou sinalando que “é de vital importancia que o goberno municipal continúe a liña de traballo artellada polo PSOE cando formaba parte do goberno local para converter Barbadás nun lugar atractivo para a veciñanza e para as persoas visitantes, que beneficien tamén ao comercio local e ao sector da hostalaría porque o obxectivo debe ser o de ofrecer un abono de espazos públicos de calidade”.

0.12624311447144