As socialistas de Ourense piden ao executivo de Pérez Jácome maior compromiso coa igualdade

As concelleiras do PSdeG en Ourense presentaron esta mañá unha iniciativas que defenderán no pleno ordinario do Concello de marzo, centrada en reforzar a igualdade e a protección fronte á violencia machista.
Coincidindo coa conmemoración do 8M, Día Internacional das Mulleres, a moción socialista busca consolidar unha cidade máis xusta e igualitaria e comprometida coa memoria democrática das mulleres que abriron camiño na política local. Así, as socialistas piden un recoñecemento público das primeiras concelleiras da democracia mediante un acto institucional, a creación dun espazo simbólico permanente e o impulso dun rueiro feminino que dea visibilidade ao seu legado.
A edil María Fernández destacou a importancia de que o Concello se declare como espazo libre de violencia machista, tanto de forma simbólica como institucional, e de que se desenvolvan protocolos municipais fronte ao acoso e á violencia machista no ámbito político. Ademais, propón programas de formación en igualdade e comunicación non sexista dirixidos ao persoal municipal, cargos públicos, entidades deportivas e centros educativos.
Fernández subliñou que “é fundamental o desenvolvemento de accións culturais e campañas de sensibilización que dean visibilidade ás distintas formas de violencia e promovan referentes femininos. Así como o reforzo da colaboración co movemento feminista e a integración transversal da perspectiva de xénero en todas as políticas municipais”.
A igualdade, insisten dende o grupo socialista, “non pode quedar nun xesto simbólico, senón que debe converterse nunha prioridade transversal e nun compromiso permanente que permeable ao resto de áreas políticas”.
O grupo socialista sinala que a igualdade non debe limitarse a xestos simbólicos, senón que precisa ser unha prioridade transversal e un compromiso permanente que influza en todas as áreas de goberno local.