As socialistas de Ourense reclaman un recoñecemento para o doutor Luis Rodríguez Míguez no rueiro da cidade

O grupo municipal socialista do Concello de Ourense levará ao vindeiro pleno unha proposta para que o executivo municipal recoñeza ao doutor Luis Rodríguez Míguez no rueiro da cidade.
Dende o PSdeG entenden que Luis Rodríguez Míguez foi unha figura clave na promoción da saúde pública e na posta en valor dos recursos termais, converténdose nun referente tanto a nivel local como máis alá do ámbito municipal, e fan fincapé no impacto fundamental da súa labor na calidade de vida da veciñanza e no desenvolvemento social e económico do territorio que aínda perdura hoxe en día.
Os seus méritos profesionais e científicos, lembran os socialistas, “conseguiron que Ourense comezase a mirarse a si mesma con orgullo, a situarse no mapa científico, sanitario e académico do termalismo, dentro e fóra de Galicia, dentro e fóra do Estado”. Ademais, destacan, o fixo sempre “traballando sempre sen estridencias, sen protagonismos e sen buscar recoñecementos”.
“Míguez merece permanecer na memoria colectiva da nosa cidade. Darlle o seu nome a unha rúa é unha forma xusta e simbólica de recoñecer unha vida dedicada ao servizo público, á ciencia e ao benestar común”, reclaman dende as filas socialistas, que aseguran que se trata “dun recoñecemento transversal a unha figura que forma parte da historia e do patrimonio inmaterial do municipio”.
Para o PSOE, dedicarlle unha rúa a esta figura “non é un xesto simbólico baleiro”, senón que se trata “dunha maneira de dicirlle ás xeracións futuras que esta cidade honra a quen a coidou. Que Ourense non esquece a quen traballou por unha sanidade pública forte, polo coñecemento compartido e por un desenvolvemento vencellado ao territorio e ás persoas”.
Con esta proposta, as socialistas buscan tamén poñer en valor a importancia do termalismo como elemento identitario e estratéxico para a cidade, recoñecendo o papel dunha das persoas que máis contribuíron de maneira decisiva ao seu impulso e consolidación. De feito, sinalan, un dos elementos máis salientables da súa traxectoria foi a súa contribución ó estudo, á difusión e á institucionalización do termalismo terapéutico e da hidroloxía médica en Galicia.