As socialistas de Ourense sacan adiante as súas propostas para rehabilitar a Alameda e deseñar un plan de mobilidade

OurenseXa
Respecto ao plan de mobilidade, solicitan ao Concello a creación de aparcadoiros disuasorios, o estudo de aparcadoiros modulares próximos ao centro e nos barrios, e a implantación dun sistema intelixente de estacionamento para residentes baseado en tecnoloxía dixital
natalia-gonzalez
16 Jan 2026

O Pleno do Concello de Ourense respaldou as dúas iniciativas presentadas polo grupo municipal socialista, que buscan recuperar a Alameda para o uso da veciñanza e deseñar un plan especial de aparcadoiro e mobilidade na cidade ante a entrada en vigor da Zona de Baixas Emisións (ZBE) e a eliminación da ORA. As propostas saíron adiante co apoio do PP e do BNG, mentres que Democracia Ourensana optou pola abstención.

A portavoz socialista, Natalia González, destacou a importancia da Alameda, “un dos espazos públicos máis singulares e emblemáticos de Ourense”, que funciona como “un lugar de paseo, encontro interxeracional, descanso e convivencia”. Sen embargo, sinalou que a instalación provisional da Praza de Abastos afectou negativamente este espazo, que debía ser temporal. “Desde que goberna Gonzalo Pérez Jácome van sete anos sen que se dera unha solución nin intención para que os e as praceiras poidan volver ao edificio histórico ou para que a veciñanza recupere un lugar para o seu desfrute”, lamentou durante a sesión plenaria.

Por iso, os socialistas esixen que se redacte un proxecto integral para rehabilitar a Alameda, que inclúa reparación de danos, renovación do mobiliario urbano, melloras na iluminación, accesibilidade e seguridade, “todo elo baixo criterios de sustentabilidade ambiental e conservación patrimonial, garantindo procesos de información, transparencia e participación cidadá no deseño e execución”.

En canto ao plan de mobilidade, González lembrou que o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) aprobado en 2019 e modificado en 2025 identifica a necesidade de “reordenar a mobilidade no centro, reducir o tráfico e fomentar alternativas sostibles”, así como crear aparcadoiros disuasorios e facilitar o estacionamento para residentes. Sen embargo, critica que “moitas destas medidas contempladas no PMUS non se planificaron nin levaron a cabo nos últimos anos, deixando Ourense sen alternativas suficientes a sabiendas do colapso que xerarían a supresión da ORA e a entrada en vigor da ZBE”.

Para evitar este escenario, os socialistas reclaman un Plan Extraordinario de Aparcadoiro que garanta a mobilidade, accesibilidade e seguridade, con actuacións como a creación de aparcadoiros disuasorios, o estudo de aparcadoiros modulares próximos ao centro e nos barrios, e a implantación dun sistema intelixente de estacionamento para residentes baseado en tecnoloxía dixital. Ademais, piden habilitar solares municipais e privados como aparcadoiros temporais.

Finalmente, esixen “unha solución laboral inmediata para as nove persoas traballadoras afectadas pola supresión da ORA, garantindo os seus dereitos e evitando situacións de indefensión”.

⚙ Configurar cookies
0.081691980361938