As socialistas denuncian a “grave situación” do SAF de Ourense, con máis de 100 persoas en lista de agarda

As concelleiras do grupo municipal socialista no Concello de Ourense denunciaron esta mañá, durante a Xunta de Área de Benestar Social, a “grave situación” do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que, segundo a información facilitada pola concelleira responsable, conta actualmente con 665 persoas sen acceso ao servizo debido á insuficiencia de horas dispoñibles. “Destas, 107 persoas están en lista de agarda en libre concorrencia e 558 persoas en situación de dependencia, pendentes de recibir prestación”, explicou Natalia González, voceira do PSdeG.
A última solicitude de ampliación de horas á Xunta de Galicia realizouse o 1 de xullo, e desde entón non consta que o executivo local solicitase unha nova ampliación a pesar do incremento da demanda. Por iso, González instou a “que, de maneira inmediata, reclame á Administración autonómica a ampliación das horas do SAF, co obxectivo de dar cobertura ás 665 persoas que actualmente non dispoñen del”.
Doutra banda, os socialistas reclamaron que se restablezan as horas de conciliación nos centros cívicos municipais, que foron recentemente recortadas. Actualmente, “a oferta limítase a unha hora e media, o que resulta claramente insuficiente para as familias que teñen dificultades para conciliar”, sinalaron, solicitando que se recuperen canto antes, como mínimo ata xuño de 2026.
Ademais, pedíron avanzar na redacción, actualización e aprobación do regulamento do Fogar do Transeúnte, considerándoo necesario para contar cunha planificación clara e aberta ás achegas dos traballadores, grupos políticos e a sociedade, para que Ourense dispoña en 2026 dun novo regulamento adaptado á realidade social.
Finalmente, esixiron axilizar os trámites para asinar a adenda que permita ampliar as prazas de Xantar na Casa. Segundo a concelleira, a lista de agarda duplicouse en tres meses, pasando de 9 a 18 persoas. “Reclamamos que se dea resposta urxente a estas persoas, que levan meses agardando e que precisan do servizo durante o ano 2026”, concluíu a voceira socialista.