As socialistas denuncian os recortes de Jácome contra o termalismo e esixen garantir a accesibilidade ás termas

OurenseXa
O grupo municipal do PSdeG critica a decisión do alcalde de suprimir o histórico tren das termas
concello-ourense-trens-turisticos
22 Jan 2026

O grupo municipal socialista critica duramente a última decisión do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, en materia de termalismo tras anunciar o Concello que a partir desde sábado o histórico tren das termas deixará de funcionar tal e como o viña facendo ata agora, converténdose nun tren exclusivamente turístico, eliminando o percorrido ata Outariz e deixando o traxecto limitado ata a zona da fonte do Tinteiro.

O executivo local xustificou esta decisión asegurando que a liña 5 de autobús xa realiza ese percorrido, unha afirmación que desde o PSdeG cualifican de “rotundamente falsa”. A portavoz do PSdeG, Natalia González, explica que “a liña 5 traslada ás persoas usuarias á outra marxe do río Miño, o que obriga a camiñar unha distancia considerable para chegar ás termas do Muíño da Veiga e de Outariz”. Unha situación que, denuncia, “afecta especialmente ás persoas con mobilidade reducida, que utilizaban o tren como un medio accesible para chegar directamente ás zonas termais e que agora quedan sen unha alternativa real de transporte”.

Ademais, lembra que a liña 5, que remata o seu percorrido en Ceboliño, estase a ver sobresaturado nas horas punta ao carecer o turismo do tren termal os días de semana, quedando en ocasións os usuarios e usuarias habituais sen poder desprazarse no transporte público que empregan no seu día a día por tratarse dun dos denominados como “busitos” con moitas menos prazas.

As socialistas reivindican que o tren termal, coñecido popularmente como tren chu-chu, non é só un atractivo turístico, senón tamén un servizo social e de accesibilidade que garantía o acceso ás termas á cidadanía que acode ás augas mineromedicinais por motivos de saúde.

Para o PSOE, trátase dun novo retroceso en materia de transporte para un goberno que esta semana congratulábase tamén da decisión do líder de DO de non asistir a Fitur, argumentando a Feira Internacional de Tursimo, a máis importante a nivel estatal e con proxección internacional, que non serve para nada.

“Mentres outras cidades aproveitan feiras como FITUR para promocionar a súa riqueza, Ourense segue quedando atrás por decisión do alcalde”, critica a portavoz, que denuncia que as únicas accións por parte do executivo de Jácome en materia turística nos últimos anos foron “eliminar o tren turístico entre semana, deixalo só para as fins de semana, agora recortalo ata a fonte do Tinteiro e mover a oficina municipal de información turística”.

Para as edís do PSdeG, “Ourense necesita e merece unha estratexia turística seria, estable e pensada para a xente de aquí e para quen nos visita, non un goteo constante de recortes e improvisación”. Por iso reclaman ao rexedor que garanta a accesibilidade ás zonas termais da cidade e deixe de menosprezar o termalismo.

⚙ Configurar cookies
0.083922863006592