As socialistas logran aprobar unha moción para instar ao Concello a elaborar un proxecto para rehabilitar a igrexa de San Francisco

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense conseguiu o respaldo do Pleno para a aprobación dunha iniciativa para instar ao Concello de Ourense a elaborar un proxecto para rehabilitar a igrexa de San Francisco. A moción contou co apoio de PP e BNG, e abstención do grupo de Goberno.
A voceira do PSdeG, Natalia González, explica que con esta iniciativa o que se pide é “que Goberno municipal faga o seu traballo” e que “prepare un proxecto, que concorra á convocatoria e que non deixe pasar esta oportunidade”. “Falamos dun espazo público vivo, cultural, social e polivalente. Investir en patrimonio é apostar polo futuro, crear actividade e emprego, e reforzar a identidade da cidade”, insiste a voceira.
Concretamente, o texto aprobado insta ao goberno local para que concorra á convocatoria do 2% cultural 2025 promovida polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana e que elaboren un proxecto de rehabilitación da antiga igrexa definindo un espazo de uso público abierto á cidadanía, de carácter cultural, social ou polivalente que contribúa á dinamización económica da cidade.
As socialistas tamén lograron aprobar, neste caso co apoio de DO e BNG e a abstención do PP, unha moción para instar á Xunta a acometer a reforma integral e mantemento do CEIP Manuel Luis Acuña na Carballeira.
A concelleira socialista, Cristina Cruz, denunciou ante o pleno as condicións “deplorables” nas que as alumnas e alumnos do CEIP Manuel Luis Acuña están a recibir clase, “con frío, humidades, unha reforma que non chega por parte da Xunta de Galicia e uns arranxos frankestinianos e parcheados por parte do Concello de Ourense, responsable do mantemento das instalacións”.
Cid quixo deixar constancia do esforzo que realizan as nais e pais do colexio, así como do profesorado e persoal do centro que pinta as instalacións e ofrece material para as aulas de xeito desinteresado fronte aos “anuncios grandilocuentes realizados pola Xunta de Galicia que logo rematan en nada” e máis alá de medalla o máis importante é actuar ante os riscos aos que se enfronta cada día a cativada”.