As socialistas reclaman ao Concello de Ourense que solicite o canon reducido de SOGAMA para evitar un sobrecusto en 2026

O Grupo Municipal Socialista vén de rexistrar varias preguntas no Concello de Ourense para coñecer se o goberno local solicitou a adhesión ao canon reducido de tratamento de residuos domésticos de SOGAMA para o ano 2026, unha opción que permitiría un aforro económico significativo para as arcas municipais.
Segundo lembran os socialistas, a normativa publicada no Diario Oficial de Galicia fixa para 2026 un canon ordinario de 111,13 euros por tonelada máis IVE, fronte a un canon reducido de 97,76 euros por tonelada máis IVE. Para poder beneficiarse desta tarifa máis baixa, o concello debe presentar a solicitude antes do 5 de marzo de 2026 e cumprir, cando menos, un dos requisitos ambientais recollidos na lei.
Desde o grupo municipal destacan que a diferenza entre ambos importes é de 13,37 euros por tonelada e que, tendo en conta o volume anual de residuos que xestiona a cidade, o aforro podería situarse en varios centos de miles de euros ao ano. Por este motivo, advirten de que non acollerse ao canon reducido suporía “pagar máis polo mesmo servizo” unicamente por non realizar un trámite dentro do prazo establecido.
As socialistas consideran que renunciar a esta posibilidade non sería un simple erro administrativo, senón unha decisión política con consecuencias directas nas contas municipais e, en última instancia, na veciñanza. Sinalan ademais que o procedemento está claramente regulado e non presenta unha especial complexidade.
Xunto ao impacto económico, o canon reducido está vencellado a obxectivos ambientais básicos, como a diminución da fracción resto ou a mellora da recollida selectiva, ámbitos nos que, segundo o grupo socialista, Ourense presenta importantes carencias en planificación e xestión.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista esixe ao goberno local que informe de inmediato se xa solicitou o canon reducido, que o faga antes de que remate o prazo legal no caso de non telo feito, e que dea explicacións se, por inacción, a cidade perde un aforro económico que consideran perfectamente evitable.