As termas da Chavasqueira presentan unhas instalacións totalmente renovadas tras unha inversión millonaria

As Termas da Chavasqueira volven abrir as súas portas ao público este martes, 7 de outubro, unha vez rematadas as obras de rehabilitación da área termal, realizadas pola empresa concesionaria Ibernisha. A actuación, cun investimento próximo ao millón de euros, permitiu recuperar un dos espazos máis emblemáticos do termalismo ourensán, pechado desde o incendio rexistrado en 2019.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado pola concelleira de Termalismo, Noa Rouco, e outros representantes municipais, participou este luns no acto de inauguración. “Hoxe é un gran día para Ourense”, sinalou o alcalde, que lembrou que “as Termas da Chavasqueira foron as primeiras da cidade e seguen a ser as máis emblemáticas”, e lamentou a demora na reapertura, atribuída aos trámites administrativos.
As termas abrirán ao público de martes a xoves e os domingos, de 9:00 a 23:30; e os venres e sábados, de 9:00 a 13:30. Permanecerán pechadas os luns. O prezo da entrada xeral será de 5,15 euros, e de 4,65 euros para xubilados e menores, con opcións de entradas individuais e familiares.