As termas do Muíño da Veiga reabren ao público

OurenseXa
O complexo levaba meses pechado “polas inundacións”, segundo o alcalde, que agora agarda que a Xunta revogue a decisión de desaconsellar o baño no recinto
termas-do-muiño
Termas do Muño
16 Jul 2025

Este martes, tras meses de agarda por parte dos usuarios do termalismo público da cidade, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado da concelleira de Turismo, Noa Rouco, acudiu a darse un baño ás termas do Muíño.

Un dos espazos máis emblemáticos levaba meses pechado polo Concello debido “ás inundacións provocadas pola crecida do río”. Agora, di o alcalde, “o nivel do río xa permite o acceso con seguridade”, unha cuestión que os usuarios levaban tempo advertindo.

Agora, di o alcalde, “o Concello enfróntase a un novo obstáculo: a Xunta de Galicia”. E é que a administración autonómica considera que, segundo a nova normativa autonómica, o espazo non reúne as condicións legais para ser empregado como zona de baño.

Para o Concello isto é “unha traba de carácter administrativo” e aseguran que “as analíticas que periodicamente realiza o Concello continúan garantindo a súa salubridade”.

O complexo aínda non está catalogado como zona de augas mineromedicinais (o que poría solución ao problema), polo que se considera aínda como unha zona de baño salvaxe.

Co baño de hoxe, di o alcalde, preténdese sinalar que as termas “mantéñen a mesma salubridade de sempre” e acusa á Xunta de “introducir novos requisitos administrativos pero non sanitarios”.

Así mesmo, o alcalde Gonzalo Pérez Jácome defendeu a posición do Concello e anunciou que seguirán buscando a regularización administrativa das termas e reclamando á Xunta unha normativa máis flexible e adaptada á realidade termal de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.16391611099243