ASGADeD pide responsabilidades á Consellería de Política Social tras o peche da Vivenda Comunitaria Xardín de Amoeiro

OurenseXa
Denuncian a “inacción” por parte da Xunta e aseguran que foron outros organismos, como as forzas de seguridade e a Inspección de Traballo, os que acabaron asumindo funcións que corresponden á Consellería
vivenda-comunitaria-xardin-de-amoeiro
13 Jan 2026

A Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) denuncia a “falta de diligencia” por parte da Consellería de Política Social na supervisión e control dos centros asistenciais. Unha situación que, segundo a asociación, obrigou a que fosen as forzas de seguridade e a Inspección de Traballo as que asumisen funcións que lle corresponderían á devandita Consellería.

Advirten que, tras varios comunicados recibidos de particulares, concellos e sindicatos, durante as últimas semanas de 2025 detectáronse varias irregularidades en centros de atención social.

O caso máis destacado foi o da Vivenda Comunitaria Xardín, no concello de Amoeiro, cuxo peche se fixo público o 2 de outubro. O detonante dese peche, advirten dende ASGADeD, non foi a inspección dos servizos sociais da Xunta realizada a comezos de setembro, senón o aviso dun particular que alertou tanto á propia Xunta como ao Concello de Amoeiro sobre a situación do centro.

A partir desta comunicación municipal, activouse unha inspección laboral o 29 de setembro e unha intervención das forzas de seguridade, que constataron a falta de coidados axeitados ás persoas residentes. Dende a asociación insisten en que foron estes corpos os que requiriron directamente a actuación da Consellería de Política Social ante a súa “inactividade”.

Durante esta actuación do peche da Vivenda Comunitaria Xardín, denuncia ASGADeD, “a subdirectora de Inspección atopábase ausente por vacacións”, o que, segundo a asociación, “evidencia a falta de interese pola prestación dos servizos sociais”, tendo en conta que este centro contaba cun acta de inspección 15 días antes, e que a administración, din, “ocultou a información aos grupos parlamentarios e á opinión pública, deixando en evidencia a súa inacción e complicidade”.

Ademais, o 14 de outubro, xusto un día antes da comparecencia parlamentaria da conselleira Fabiola Rodríguez para explicar o peche de Amoeiro, procedeuuse ao peche doutra vivenda comunitaria, San Gabriel, en Xinzo de Limia. Neste caso, a xustificación pública foi a sobreocupación do centro. Porén, dende ASGADeD lembran que, segundo as denuncias recollidas, non consta que outros centros con situacións similares de sobreocupación, previamente detectadas pola inspección de servizos sociais, foran clausurados por este motivo, o que para eles fai cuestionar se este peche podería interpretarse como unha forma de xustificar as actuacións relacionadas co caso de Amoeiro.

Nesta ocasión, din, quen se atopaba de vacacións era a xefa de Servizo de Inspección de Maiores, malia que dúas semanas antes se pechara un centro. A estas circunstancias, engaden, súmanse “sinalamentos de horarios presuntamente incompatibles co correcto desempeño das funcións de supervisión atribuídas ás persoas responsables da inspección”.

Un caso tamén significativo, din, é o da residencia de maiores de Oleiros que, tras unha denuncia presentada polo sindicato CSIF pola fuga dunha persoa residente, foi obxecto dunha inspección que recolle “presuntas deficiencias tanto materiais como organizativas, así como carencias en protocolos de actuación e problemas estruturais do propio edificio”. Porén, din, “unha vez máis a inspección laboral puxo de manifesto a falta de intervención da inspección de servizos sociais sobre os coidados e as atencións mínimas das persoas usuarias”. Engaden ademais que o pasado 26 de novembro, CC.OO. denunciou publicamente todo tipo de eivas na residencia DomusVi San Lázaro en Santiago nos nove primeiros meses da COVID, cualificando a súa situación como “insalubre e insostible”. Outro caso, din, de “inacción” por parte da Consellería.

Todos estes exemplos, aseguran, deixan claro que “nin na Consellería de Política Social hai ninguén ao mando, nin a inspección existe como ente efectivo real, senón como un mero ente decorativo que a conselleira Fabiola Rodríguez usa de coartada para finxir que en Galicia se inspecciona e actúa”.

Por todo o anterior, ASGADeD súmase ás denuncias e ás voces que reclaman a asunción de responsabilidades por parte da Consellería, e insiste en que “a falta de actuación dos órganos competentes provocou que outras administracións tivesen que intervir para garantir a seguridade e o benestar das persoas residentes nos centros afectados”.

⚙ Configurar cookies
0.092129945755005