Asinado o convenio para financiar o plan funcional da Praza de Abastos de Ourense
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais da Praza de Abastos Nº1 de Ourense, Emilio González, asinaron o convenio a través do cal a Xunta financiará a realización do plan funcional deste mercado rehabilitado na capital ourensá.
O documento, que estará elaborado no prazo aproximado dun mes, é o seguinte paso a dar para permitir o traslado dos praceiros ao edificio desde a súa actual ubicación provisional -na Alameda- e, ademais, impulsar a Praza de Abastos Nº 1 de Ourense como un eixo dinamizador da cidade. Neste sentido, elaborarase atendendo as propostas dos comerciantes e en coordinación e contacto directo cos técnicos municipais, e sempre tendo en conta as propias características singulares -e potencialidades- deste mercado.
O estudo incluirá aspectos básicos como a disposición dos postos interiores e as necesidades de electrificación e ventilación, ademais da valoración doutras cuestións consideradas como chave para o futuro deste espazo, como a reforma do Rianxo ou melloras na accesibilidade.
Todos estes aspectos quedarán recollidos no plan funcional, que sumará as diferentes necesidades de actuación -cunha estimación orzamentaria- e unha calendarización das obras. A partir de aí, a seguinte etapa será realizar o proxecto da primeira fase, que estará enfocada ao reinicio da actividade comercial no edificio histórico da Praza, sempre coas máximas garantías de confortabilidade para praceiros e clientes.
Nesta liña, o plan funcional inclúe a realización dunha análise do estado actual do edificio e a súa contorna tralas obras de reforma e rehabilitación e a análise das necesidades presentes e futuras dos comerciantes, como pasos previos á a elaboración do plan funcional da Praza de Abastos Nº 1 de Ourense, que será a folla de ruta que marque os seguintes pasos para impulsar este espazo comercial.
Compromiso da Xunta coa Praza de Abastos de Ourense
Este convenio enmárcase no compromiso da Xunta coa Praza de Abastos Nº 1 de Ourense e sitúase dentro da aposta que está a realizar a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para impulsar as prazas de abastos nas cidades e vilas galegas como motores fundamentais do comercio de proximidade, adaptándoos ás novas tendencias do mercado.