Avanzan as obras da nova senda do río Barbaña

OurenseXa
Os traballos conectarán a senda que chega desde o Paco Paz pola marxe dereita do río coa senda do río Barbañica
xunta-supervisa-obras-senda-barbaña
A Xunta supervisa as obras na nova senda do Barbaña
6 Oct 2025

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá o estado das obras da nova senda do río Barbaña, que comunicará a zona da Ponte Vella con Expourense, á altura da Ponte Codesal, baixo a rúa Marcelo Macías.

Pardo destacou a importancia desta actuación, xa que non só prolonga a nova senda, senón que permite unha conexión transversal que une ambas marxes do río co núcleo urbano, mellorando a accesibilidade peonil e ciclista. A intervención enlaza así a senda que chega desde o Paco Paz pola marxe dereita do río coa senda do río Barbañica, completando o percorrido cara á futura senda baixo a rúa das Camelias, a Molinera e As Burgas, ata chegar á Praza de Abastos.

Inicialmente estaba prevista a substitución do pavimento de madeira da pasarela existente, pero o mal estado das vigas fixo inviable a súa reutilización, polo que se pechou temporalmente e proxectouse unha nova pasarela de 13 metros de lonxitude, con estrutura metálica e pavimento de madeira.

O delegado explicou que se pavimentou completamente a zona, redeseñando ramplas e pendentes para garantir a accesibilidade. Ademais, a senda completarase con sinalización, iluminación, mobiliario urbano e nova arborización.

Estas obras forman parte dun proxecto conxunto cun orzamento autonómico de 5,4 millóns de euros, que inclúe tamén o tramo que conecta a estación intermodal coa Ponte Vella a través da avenida de Caldas, finalizado esta primavera.

⚙ Configurar cookies
0.10189390182495