Avanzan as obras na contorna do Encoro de Cachamuíña

OurenseXa
A zona contará cunha pasarela totalmente renovada e accesible cun investimento de 300.000 euros
obras-pasarela-cachamuiña
Obras da pasarela do Encoro de Cachamuíña
29 Mar 2025

Os traballos de mellora na contorna do Encoro de Cachamuíña xa están en marcha, tal e como anunciou o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, esta semana. As obras da nova pasarela, moi demandada polos miles de usuarios deste espazo de lecer, iniciáronse recentemente e rematarán cos problemas de accesibilidade que presenta actualmente.

O estado da pasarela dificultaba e incluso impedía o seu uso diario. Agora, e tras un investimento de máis de 300.000 euros, eliminaranse as todas as barreiras existentes e mellorarase esta ruta circular do encoro, cun percorrido de 4 quilómetros.

A zona da pasarela permanecerá pechada mentres duren as obras de construción, polo que non se poderá acceder a ela mentres non se finalice a nova pasarela, explican dende o Concello.

Un novo parque canino

Cachamuíña constitúe, pola súa localización a carón da cidade, un dos principais atractivos para o ocio e a práctica deportiva tanto para os residentes na capital como para a veciñanza de Pereiro de Aguiar. Pero tamén é un dos lugares máis demandados polos donos de cans. Por iso, dende o Concello explican que xa están a traballar nun futuro parque canino que, segundo asegura o rexedor, “en pouco tempo será realidade”, xa que xa se están a ultimar os trámites administrativos para a súa construción.

⚙ Configurar cookies
0.51423907279968