'Barbadás a Bocados' acada a súa sétima edición consolidándose nas rutas gastronómicas da provincia

OurenseXa
A sétima edición do Concurso de Pinchos 'Barbadás a Bocados' regresa entre os días 13 e 14 de setembro
presetacion-barbadas-a-bocados-2024
Presentación da sétima edición de 'Barbadás a Bocados'
12 sep 2024

Esta fin de semana Barbadás presume de gastronomía. Os días 13 e 14 de setembro terá lugar a sétima edición do Concurso de Pinchos “Barbadás a Bocados” organizado pola concellaría de Comercio que dirixe Marga Pérez. Nesta ocasión participarán 14 establecementos hostaleiros con orixinais petiscos a un prezo de 2,5 euros. A iniciativa, que pretende dinamizar o sector, presentouse esta mañá fronte ao Chicote, un dos locais que se suman ao certame.

Os comensais deberán elixir o mellor petisco do concello cubrindo unha tarxeta e sortearanse cestas con produtos galegos entre os participantes. Ademais, haberá un xurado profesional que probará as propostas gastronómicas para elixir aos gañadores. Veciños, veciñas e visitantes terán ocasión esta fin de semana de degustar unha gran variedade de pinchos.

Marga Pérez subliñou que “Barbadás a Bocados consolídase nas rutas gastronómicas e dende o Concello seguiremos apoiando ao sector”. Tamén animou á cidadanía a participar e apoiar aos novos locais que se suman á iniciativa. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, explicou que “este certame pretende dar visibilidade á calidade da hostalería de Barbadás” e agradeceu o traballo dos profesionais destes locais que crean emprego e poñen en valor o concello.

0.17762494087219