Barbadás activa un plan de control da avespa velutina
O Concello de Barbadás, a través da Concellería de Emerxencias e Protección Civil, encargada da xestión de pragas, e en colaboración coa Tenencia de Alcaldía, vén de activar un plan de control da avespa velutina que se levará a cabo en dúas fases.
Por unha banda, nesta época de primavera colocaranse un cento de trampas con atraínte para capturar as raíñas que saen da hibernación, evitando así a proliferación de niños secundarios.
Posteriormente, a eliminación de niños terá lugar mediante previo aviso dos particulares aos números de teléfono 012 ou 112. A actuación levarase a cabo mediante o método de eliminación física do niño con spray insecticida e retirada manual, ou ben con escopeta marcadora de nova adquisición, que evitará así o gasto en aluguer de elevadores e minimizará o risco das diferentes intervencións ao non ser preciso realzar traballos en altura.
Tal e como explicou o concelleiro de Emerxencias, Daniel Rey, este novo sistema de eliminación con escopeta marcadora de aire comprimido permitirá chegar a alturas que sería imposible alcanzar sen grúa e diminuirase o risco de ataque das velutinas: “Serán os membros de Protección Civil de Barbadás os encargados de realizar a eliminación dos niños con moito menos risco para eles ao facerse con este método”.
Tamén explicou Rey que cando un niño sexa neutralizado coa escopeta quedará no mesmo punto, causando alarma entre a poboación, polo que se instalará un cartel informando de que xa se levou a cabo a actuación.
A tenente de alcalde, Victoria Morenza, subliñou a importancia de non manipular as trampas: “Colocaranse as trampas en lugares públicos nos que se detectou a presenza de avespa velutina xunto a un cartel para advertir as veciños e veciñas que non deben manipulalas”.
Charlas de sensibilización
Co fin de concienciar a poboación, o plan de control da avespa velutina inclúe a programación de charlas de sensibilización nas diferentes asociacións veciñais. Neste encontros explicarase aos veciños e veciñas, entre outras medida, como elaborar trampas artesanais para os domicilios.