Barbadás avanza na loita contra a violencia de xénero

A mesa local de coordinación fronte á violencia de xénero, integrada por representantes da corporación municipal e por actores do ámbito xudicial, policial, sanitario, educativo e social, reuniuse no salón de plenos do Concello de Barbadás. Este encontro, de tipo semestral, permite poñer en común a realidade da contorna, así como analizar o traballo feito e afondar nos retos pendentes. A concelleira de Igualdade, Elisabet González, recalcou o papel “clave” da mesa na loita conxunta contra a violencia machista e na elaboración de respostas “máis humanas” para as mulleres que a sofren. Tamén agradeceu o esforzo de todas as institucións implicadas, desde a Policía Local de Barbadás ata o equipo directivo dos centros educativos.
Pola súa parte, o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, manifestou a súa preocupación polo avance dos discursos negacionistas da violencia de xénero, que gañan cada día máis espazo nas redes sociais, tan consumidas polas novas xeracións. “Temos que loitar en certos ámbitos xuvenís nos que ese discurso está ocupando espazos políticos que non podemos deixar escapar. Os que loitamos a prol da muller temos que lograr ocupar eses espazos de novo”, sinalou o rexedor.
Así, a mesa abordou a necesidade de que a administración autonómica poña en marcha formacións específicas dirixidas ao profesorado, xa que a educación baséase en “valores”, en palabras de Valcárcel. As representantes do ámbito educativo puxeron enriba da mesa a importancia de que os valores continúen na familia, e amosaron a súa preocupación por non chegar aos pais e nais “como quereríamos”.
Nesa liña, os integrantes da mesa tamén apuntaron o incremento da violencia sexual entre os menores, un fenómeno moi ligado ao consumo “excesivo” de pornografía desde idades temperás.
Por outra banda, os diferentes actores fixeron unha radiografía da situación de Barbadás en canto ao número de mulleres que actualmente contan con medidas policiais para protexelas dos seus agresores. Tamén se reflexionou sobre a situación da provincia ourensá, xa que no último mes un home asasinou á súa muller no Bolo, outro home disparou á súa ex-parella en Verín, e outro home apuñalou á súa muller no Barco de Valdeorras.