Barbadás bate récord de habitantes con 11.201 persoas empadroadas

O Concello de Barbadás aprobou en pleno o padrón municipal correspondente ao 1 de xaneiro de 2025, que acada a cifra récord de 11.201 habitantes. Este é o padrón máis alto rexistrado na historia do municipio, que se posiciona como o quinto concello máis poboado da provincia de Ourense, só superado pola capital, Carballiño, O Barco e Verín.
Desde o goberno local destacaron a relevancia de manter e atraer poboación nun contexto demográfico complicado, onde moitos municipios galegos, especialmente os do interior, continúan a perder habitantes cada ano. Non obstante, Barbadás experimentou un crecemento sostido no seu número de veciños durante a última década, agás en 2021, cando houbo un lixeiro descenso tras a pandemia.
En total, desde 2015, o municipio sumou preto dun milleiro de novos residentes, o que reflectiría tanto a calidade dos servizos municipais como a dinamización económica e social que impulsa o concello.