Barbadás conmemora o 25N baixo o lema “Contra o negacionismo: compromiso e acción”

OurenseXa
As actividades desenvolveranse durante novembro e decembro en varios centros educativos, entre eles o CEIP Filomena Dato, O Ruxidoiro, Luis Vives e o IES Ferro Couselo
25n xenérico
21 Nov 2025

O Concello de Barbadás preparou unha programación especial para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, con actividades que inclúen desde teatro ata obradoiros co obxectivo de visibilizar e denunciar as distintas formas de violencia que sofren as mulleres.

Na presentación, Elisabet González, concelleira de Igualdade, destacou a importancia de abordar o negacionismo da violencia de xénero, “en constante aumento nos últimos tempos”, e subliñou que “este tipo de discursos tamén son violencia”. A Concellería centrouse en levar estas actividades aos centros educativos para formar ás novas xeracións na identificación da violencia e o pensamento crítico. González explicou que se impartirán obradoiros como “O que non se ve non existe”, dirixido ao alumnado de Educación Primaria, e “Desmontando mitos”, para estudantes de Secundaria.

O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, resaltou que “os obradoiros tocan cuestións esenciais como esas formas de violencia máis sutís, máis ocultas, son máis difíciles de identificar” e subliñou a necesidade de visibilizar a realidade: “Négase unha realidade visible, pero que non se quere ver”.

As actividades desenvolveranse durante novembro e decembro en varios centros educativos, entre eles o CEIP Filomena Dato, O Ruxidoiro, Luis Vives e o IES Ferro Couselo.

O día 25 de novembro, ás 12:00 horas, na rotonda da Familia da Valenzá, lerase un manifesto contra a violencia machista coa participación do alumnado do CPR Luis Vives. Ademais, instalarase unha carpa informativa aberta ao veciñado, onde se dará a coñecer a campaña da Concellería e os recursos dispoñibles para mulleres vítimas de violencia.

A programación concluirá o 28 de novembro coa celebración da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á violencia de xénero e a representación da obra teatral “Xoguetes rotos”, da compañía Barrosanta, que terá lugar na Casa da Cultura ás 20:30 horas.

⚙ Configurar cookies
0.075947999954224