Andaina solidaria en Barbadás con motivo do Día Mundial Contra a Obesidade
A obesidade é unhas das principais preocupacións da Organización Mundial da Saúde e o Concello de Barbadás tamén quere alertar á poboación sobre os riscos desta enfermidade. O 4 de marzo conmemórase do Día Mundial contra a Obesidade e, en colaboración co Servizo Galego de Saúde, ofrecerase un programa de actividades que pretende concienciar á cidadanía. “Coida os teus hábitos porque converteranse no teu destino” é o lema desta iniciativa.
Está previsto que ás 12.30 horas se leve a cabo unha andaina de 4 quilómetros pola contorna do polideportivo municipal de Barbadás. Previamente, tamén nestas instalacións deportivas, ofrecerase unha charla de concienciación sobre as consecuencias da obesidade a cargo do nutricionista Ricardo de la Fuente Cid.
O compromiso do Concello de Barbadás coa saúde dos seus veciños e veciñas queda patente cada ano con diferentes iniciativas como o Paseo da Saúde, ao que se uniron na súa última edición unha vintena de asociacións para dar a coñecer o seu traballo a favor dos enfermos de diferentes patoloxías. O pasado mes de setembro, o Paseo da Saúde de Barbadás reuniu a representantes de Afaor, Alcer, Auria, AECC, Aodemper, Por Eles TEA, Affou, Accu, Querendo, Autismo Ourense, Asociación de Celíacos de Galicia, Renacer, AFEM-Morea, Aseia Galicia e Fundación Neuroburgas.