Barbadás construirá un ascensor entre a rúa Bernabé e o Centro de Saúde da Valenzá

OurenseXa
A futura infraestrutura permitirá facilitar o acceso ao ambulatorio, salvando a pendente entre ambas rúas
novo-ascensor-ourense-a-ponte-vinteun
Imaxe dun dos ascensores do Concello de Ourense
4 Mar 2026

O Concello de Barbadás impulsará a construción dun ascensor que conectará a rúa Bernabé co Centro de Saúde da Valenzá, co obxectivo de mellorar a accesibilidade nunha zona cunha pendente pronunciada e dar resposta a unha demanda veciñal de longo percorrido.

A actuación está incluída no Plan EDIL e o proxecto atópase actualmente en fase de redacción por parte da Deputación de Ourense, institución encargada da súa elaboración.

O tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Daniel Rey, informou sobre a situación do proxecto durante a sesión plenaria celebrada onte, tras unha moción presentada polo PP acerca da viabilidade da intervención. Segundo explicou, aínda que en xaneiro os técnicos estudaron a posibilidade de habilitar unha rampla na rúa do Outeiro, esta opción non pode executarse con cargo aos fondos do EDIL. “O que se presentou ao Plan EDIL e foi aprobado foi un proxecto de construción dun ascensor, non dunha rampla, polo que estamos na obriga de construír o que propuxemos formalmente, un ascensor”, sinalou.

Rey defendeu as vantaxes de instalar un elevador fronte a outras alternativas, destacando un mantemento máis sinxelo e económico, así como un menor impacto sobre a vía pública, xa que non afectará ás prazas de estacionamento. “O ascensor contará con dous andares, dúas paradas, unha primeira á altura das oficinas municipais e a segunda á altura do Centro de Saúde”, detallou.

A futura infraestrutura permitirá facilitar o acceso ao ambulatorio, ao que acoden a diario centos de persoas. “Mellorar a mobilidade da poboación foi sempre a cuestión prioritaria deste proxecto”, explica o tenente de alcalde.

0.12489700317383