Barbadás continúa coa súa campaña para promover a compostaxe entre a cidadanía

O Concello de Barbadás continúa coa súa campaña para fomentar a xestión responsable dos residuos orgánicos nos fogares, promovendo prácticas máis sostibles no municipio, a través da entrega de novos composteiros e sesións formativas para a cidadanía.
A próxima entrega de composteiros terá lugar o venres 27 de febreiro ás 19:00 horas no Centro Empresarial Transfronteirizo. Nesta cita, os participantes recibirán unha sesión formativa básica para aprender a compostar na casa e aproveitar ao máximo este recurso.
Con esta iniciativa, os veciños que dispoñen de pequeno terreo poderán converter os seus restos orgánicos en abono natural, reducindo así a cantidade de lixo que chega aos puntos de recollida e favorecendo unha economía circular local.
O Concello ofrece gratuitamente composteiros ás familias interesadas, ademais de proporcionarlles formación e acompañamento para asegurar un correcto manexo e seguimento do proceso de compostaxe.