Barbadás destinará preto de 120.000 euros para impulsar actividades educativas, culturais e deportivas

OurenseXa
A medida foi aprobada no pleno cos votos a favor do grupo de goberno, Partido Galego e PSdeG-PSOE, a abstención do BNG e os votos en contra do PP
concello_barbadas_recurso
3 Mar 2026

O pleno do Concello de Barbadás aprobou este luns a mobilización de preto de 120.000 euros para impulsar actividades educativas, culturais e deportivas no municipio.

A corporación deu luz verde ao expediente presentado polo goberno local de subvencións nominativas para colexios, asociacións de pais e nais, asociacións culturais e clubs deportivos, unhas axudas que permitirán, segundo apunta o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, que as entidades sigan realizando a súa importante tarefa no tecido educativo, cultural e social de Barbadás.

En particular, o ANPA Filomena Dato, o ANPA O Ruxidoiro, o ANPA IES Ferro Couselo, o Club Veteranos Sobrado e o Club Veteranos Barbadás recibirán 1.000 euros respectivamente. Pola súa banda o CEIP O Ruxidoiro e o CEIP Filomena Dato percibirán 1.500 euros cada un. En canto ás asociación, a Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia recibirá 2.250 euros, a Asociación Cultural Loiro Na Memoria e a Asociación Fonval recibirán 3.000 euros cada un, a Asociación Cultural Nova Fronteira e a Asociación Cultural Ritmos Musicais recibirán 4.000 euros respectivamente. Po último, a Unión Deportiva Barbadás recibirá 35.000 euros e Asociación Deportiva Parada de Piñor, 60.600 euros.

O goberno local explicou que a subvención á Asociación Deportiva Parada de Piñor está motivada porque mentres a titularidade do campo de fútbol non se traspasa ao Concello, é necesario facer obras de calado para reforzar a seguridade da instalación e evitar riscos aos usuarios.

O expediente aprobouse cos votos a favor do grupo de goberno, Partido Galego e PSdeG-PSOE, a abstención do BNG e os votos en contra do PP.

0.12964296340942