Barbadás mellora a rede de saneamento na rúa do Viso

OurenseXa
As obras contan cun orzamento de algo máis de 66.000 euros
obras-a-valenza
Imaxe do inicio das obras na rúa do Viso, en Barbadás
11 Out 2024

As obras de mellora da rede de saneamento na rúa do Viso, cun orzamento de algo máis de 66.000 euros e que comezaron a semana pasada, suporán tamén unha importante mellora na accesibilidade ao centro da Valenzá desde Finca Fierro, Cabeza de Vaca, Parada ou Piñor, pois incorpora tamén un novo firme para este vial, que será reaglomerado.

Esta zona, moi habitada e frecuentada por veciños e veciñas de outros lugares do municipio, sofre problemas de acumulación de agua en épocas de choiva pola falta de capacidade de desaugue.

O obxectivo da actuación é precisamente aumentar a eficiencia do sistema de saneamento, pero non o único, pois tamén mellorá a mobilidade e a seguridade viaria nesta rúa.
As obras inclúen a instalación de preto de 75 metros de tubaxes de PVC de maior capacidade que as actuais, así como a construción de seis novos pozos de rexistro para mellorar a xestión das augas pluviais.

As pluviais serán canalizadas para evitar que prexudiquen a Rúa San Bernabé e os garaxes da zona, que sufrían inundacións cotiáns debido á inadecuada dimensión das tubaxes para a urbanización e poboación que agora mesmo ten a zona.

“Aumentaremos o número e dimensión das tubaxes para poder recoller adecuadamente as pluviais e confluír despois na rede xeral”, explica a tenente alcalde Victoria Morenza sobre as obras.

Así mesmo, tamén se acometerán outras actuacións dentro do marco deste proxecto, coma a demolición de bordos e pavimentos en mal estado, a renovación do mobiliario urbano afectado polas obras e a repavimentación da calzada.

“Imos aglomerar a Rúa do Viso, o que mellorará a accesibilidade e seguridade desa vía que ademais é a ruta de acceso para veciños de Finca Fierro, Cabeza de Vaca, Parada ou Piñor. Isto supón unha poboación dunhas tres mil persoas, moitas delas usuarias habituais desta rúa e que polo tanto tamén se beneficiarán das obras incluídas neste proxecto”, aclara a tenente alcalde Victoria Morenza.

A mellora do firme na Rúa do Viso únese ás melloras acometidas nos últimos anos na propia Travesía do Viso ou na rúa das Burgas.

O prazo de execución dos traballos é de tres meses, segundo o proxecto adxudicado.
“A nosa vontade é a de mellorar as infraestruturas públicas e dotar ós veciños e veciñas de equipamentos de calidade nas cuestións que afectan na súa vida diaria. É así como podemos mellorar a calidade de vida no concello e así é como o faremos”, explica sobre estas obras a tenente alcalde de Barbadás, Victoria Morenza, que tamén destaca que “tal e como se recolle no proxecto, estas obras non só servirán para solucionar os problemas actuais que presenta a rede de saneamento, senón que contribuirá a previr futuras incidencias relacionadas coas choivas. Dese xeito, a vida útil das infraestruturas tamén aumentará”.

0.20433306694031