Barbadás ofrece máis de 350 prazas en campamentos para facilitar a conciliación este verán

O Concello de Barbadás reforza este verán o seu compromiso coa conciliación familiar mediante a creación de máis de 350 prazas en campamentos estivais. Coincidindo co inicio do período non lectivo, arrancou xa o campamento de inglés, do que se benefician arredor de 50 familias do municipio. Co peche dos centros escolares o pasado venres, moitas familias enfróntanse xa ás habituais dificultades para compaxinar a vida laboral co coidado das crianzas.
Co obxectivo de facilitar esa conciliación e fomentar o uso do inglés dun xeito lúdico, a Concellería de Educación pon en marcha esta proposta durante a primeira semana de vacacións, na que os nenos e nenas poderán aprender xogando e mellorar as súas habilidades na lingua estranxeira.
A partir do 1 de xullo e ata finais de agosto, as actividades estenderanse tamén ás parroquias do municipio. “É fundamental garantir a conciliación tamén no ámbito rural, e ao mesmo tempo permitir que os máis pequenos desfruten e coñezan o seu contorno”, destaca Marga Pérez, concelleira de Educación.
En total, serán preto de 300 menores os que participen nas distintas iniciativas organizadas desde a área de Educación para a campaña de verán.
Ademais das actividades educativas, a área de Mocidade organiza un campamento multideporte que se desenvolverá do 4 ao 29 de agosto. Esta proposta incluirá unha ampla variedade de actividades: deportes, obradoiros, xogos e xornadas na piscina, entre outras. Prevese a participación de 80 nenos e nenas distribuídos en diferentes quendas.