Barbadás reforzará a seguridade no municipio e aumentará o cadro de persoal policial

OurenseXa
Desde o goberno municipal explican que xa traballan na incorporación de dous novos axentes
concello_barbadas_recurso
4 Feb 2026

O Concello de Barbadás reforzará ao longo de 2026 o seu cadro de Policía Local coa incorporación de dous novos axentes, unha medida coa que o goberno municipal busca mellorar a seguridade e os medios humanos do corpo.

Un dos efectivos, segundo explican desde o goberno local, xa se atopa en formación na Academia Galega de Seguridade e realizará as prácticas no municipio durante os meses de verán, coa previsión de incorporarse de maneira definitiva no outono. O segundo axente chegará a través do sistema de mobilidade, un procedemento que xa está en marcha. “O procedemento administrativo xa está aberto, non sabemos canto se pode demorar, pero en canto se resolva teremos ao segundo novo axente da Policía Local”, explicou o tenente de alcalde e concelleiro de Emerxencias, Daniel Rey, durante o pleno ordinario celebrado este luns.

Estas incorporacións súmanse a outras actuacións recentes para mellorar os recursos da xefatura, como a renovación da frota con dous novos vehículos que facilitan as tarefas de vixilancia tanto no ámbito urbano como no rural.

Na sesión plenaria tamén se abordou a situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e o seu impacto nas arcas municipais. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, detallou que en 2024 o custo total do servizo ascendeu a 348.307,25 euros, dos cales o Concello tivo que asumir preto de 148.000 euros. Ante esta situación, o goberno local estuda a posibilidade de emprender accións legais contra a administración competente por non financiar o 100 % do servizo. “Estamos vendo a posibilidade de presentar unha demanda conforme ao que nos indiquen os asesores xurídicos”, sinalou o rexedor, quen engadiu que “desde o goberno imos loitar pola vía xudicial para que os veciños e veciñas de Barbadás teñan melloras na atención a domicilio”.

Outro dos puntos destacados do pleno foi o Plan EDIL, unha Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local que contempla un investimento de 7,2 millóns de euros a repartir entre Barbadás, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas. Entre as actuacións prioritarias figura a creación dunha senda peonil entre A Valenzá e Pontón, que conectará Barbadás con San Cibrao, así como a mellora da accesibilidade no centro de saúde da Valenzá ou a cubrición da pista da Solaina. Sobre a intervención na contorna do centro sanitario, Valcárcel indicou que a Deputación está a estudar a mellor solución técnica para salvar a pendente existente: “Están analizando se é mellor o elevador ou unha rampla”.

Durante o pleno, Daniel Rey tamén deu conta de varios proxectos xa en marcha no municipio, como a colaboración coa Deputación para o mantemento de zonas verdes e a reparación de pavimentos, o convenio con Seaga para a limpeza de vías de titularidade municipal ou as melloras no abastecemento de auga na urbanización Vaamonde, a cargo da empresa Veolia. Ademais, o Concello solicitou a Agader a reparación da antiga escola de Piñor, varios lavadoiros e un camiño peonil entre Parada e As Lamas, ao tempo que traballa na licitación dun contrato para a reparación urxente de fochancas en distintas vías municipais.

⚙ Configurar cookies
0.080781936645508