Barbadás rehabilitará o Parque Lucinda para uso veciñal

O Concello de Barbadás investirá 68.970 euros (IVE incluído) na reforma, recuperación e rehabilitación do Parque Lucinda, en Fonsillón, un espazo de lecer actualmente en situación de abandono.
A obra foi adxudicada a Construcciones Viso e Hijos e contempla intervenir sobre 982 metros cadrados organizados en tres niveis: “No nivel superior habilitarase unha cancha deportiva, na zona intermedia disporase unha área de xogos infantís e na parte máis baixa situarase un merendeiro con mesas e bancos de granito”, explicou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.
Valcárcel destacou que Fonsillón é unha zona en expansión próxima a Ourense e subliñou que “trátase dun proxecto que converterá o Parque Lucinda nun espazo interxeracional, no que persoas de todas as idades poidan convivir e gozar xuntas”.
A actuación enmárcase dentro da estratexia do goberno municipal de recuperar espazos en desuso para dinamizar actividades de lecer e deportivas en todo o municipio. “Estamos a recuperar e rehabilitar espazos que están en situación de abandono. Pouco a pouco imos revitalizándoos, coa finalidade de dinamizar as actividades de ocio, lecer e deportivas en todas as localidades do noso concello, e neste caso concreto nunha zona como Fonsillón, máis afastada da Valenzá e que precisa deste tipo de infraestruturas”, destacou o rexedor.