Barbadás solicita á Xunta que reconsidere a cancelación do obradoiro dual do CET

OurenseXa
O obradoiro, liderado por Barbadás e no que tamén participan os concellos de Toén e Taboadela, foi rexeitado a pasada semana tras constatarse que o Concello de Taboadela non presentou en prazo a documentación requirida.
concello_barbadas_recurso
3 Feb 2026

O Concello de Barbadás solicitou á Xunta de Galicia que reconsidere a cancelación dun obradoiro dual no Centro Empresarial Transfronteirizo (CET), cun investimento previsto de 465.000 euros, despois de que o proxecto fose denegado polo incumprimento dun dos concellos participantes.

O obradoiro, liderado por Barbadás e no que tamén participan os concellos de Toén e Taboadela, foi rexeitado a pasada semana tras constatarse que o Concello de Taboadela non presentou en prazo a documentación requirida ante o Consello de Contas, tal e como lle comunicou a Xunta de Galicia aos tres concellos implicados.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, informou desta situación no pleno municipal e explicou que xa remitiu un escrito á Consellería de Emprego solicitando a revisión da decisión administrativa. Segundo indicou, “a poboación de Barbadás estase vendo prexudicada porque o goberno local de Taboadela non foi quen de cumprir os requisitos da convocatoria da Xunta”.

Na súa comunicación coa Xunta, Valcárcel pide que se teña en conta a posibilidade de reconsiderar a denegación no caso de que Taboadela presente a documentación necesaria nos próximos días, aínda que o faga fóra de prazo. O rexedor defendeu que a cancelación do proxecto supón unha perda significativa para os tres concellos implicados, xa que “perdemos 24 postos de traballo durante 1 ano en áreas tan importantes como os servizos sociosanitarios e a prevención de incendios pola incapacidade dunha das partes beneficiarias”.

O alcalde lembrou que este tipo de obradoiros combinan formación especializada con prácticas supervisadas, o que facilita a inserción laboral do alumnado, e subliñou as “carencias continuas” de persoal nos ámbitos sociosanitario e forestal no conxunto da provincia. Neste contexto, considerou difícil de entender que un dos concellos participantes non cumprise cos requisitos esixidos.

Finalmente, Valcárcel solicitou que, no caso de que a Xunta manteña a cancelación do obradoiro, o proxecto sexa tido en conta de forma preferente na próxima convocatoria, “dado que Barbadás sofre as consecuencias do incumprimento dun terceiro concello do que somos totalmente alleos”.

⚙ Configurar cookies
0.084956169128418