Barbadás suma nove espazos libres de fume e aerosois

O Concello de Barbadás puxo en marcha a sinalización de nove novos espazos libres de fume e aerosois en distintos puntos da Valenzá e Barbadás. A iniciativa desenvólvese en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Ourense e ten como obxectivo minimizar os efectos negativos do tabaquismo na poboación.
Os novos espazos sinalizados concéntranse en zonas de uso habitual por parte da cidadanía, como parques, áreas deportivas e contornos escolares. “Trátase de parques, entornos de centros educativos e zonas deportivas moi frecuentadas pola veciñanza e onde queremos evitar a presenza de fume”, sinalou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.
En concreto, a prohibición do consumo de cigarros e vapeadores aplícase no contorno do CEIP Filomena Dato e O Ruxidoiro, nas canchas do Paseo dos Amieiros, no campo de fútbol Os Carrís, así como no Parque da Solaina, no Parque dos Patos e no Parque do Tren. Tamén se inclúen os arredores da Casa da Cultura e da Casa Consistorial.
Desde o goberno local destacan o carácter preventivo e educativo da medida. “Esta medida protexe á poboación que non fuma, conciencia aos máis pequenos e disuade aos fumadores de facelo, protexéndoos tamén”, afirmou Valcárcel.
A actuación apóiase nos datos achegados pola AECC, que advirte de que o tabaquismo está directamente relacionado co 30 % de todos os tipos de cancro, o que reforza a necesidade de impulsar este tipo de políticas de saúde pública a nivel municipal.