Besteiro carga contra a política do PP durante a vaga de incendios

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
O secretario xeral do PSdeG mantivo este luns en Ourense un encontro con alcaldes e alcaldesas socialistas onde esixiu responsabilidades políticas tras a traxedia
besteiro-ourense
2 Sep 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este luns en Ourense o curso político cun encontro con alcaldes, alcaldesas e voceiros socialistas de toda Galicia. No encontro participaron tamén os presidentes das deputacións de Lugo e de Coruña, José Tomé, e Valentín González Formoso, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela.

O encontro, lembrou Besteiro, responde ao compromiso acordado entre o líder socialista e o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, de convocar unha reunión cos alcaldes e alcaldesas socialistas para analizar o sucedido e preparar a unha resposta política. “Hoxe”, dixo Besteiro, “cumprimos esa palabra”.

O secretario xeral salientou que a prioridade durante a vaga de incendios foi “apagar os lumes e protexer vidas e bens”. Porén, insiste, “agora é o momento de pedir responsabilidades”. Para el, “a maior traxedia non foron só os incendios, senón que a súa xestión quedara en mans dun PP incompetente, que sempre mira para outro lado e nunca asume os seus erros”. Lembra que a Xunta ten competencias exclusivas en prevención e extinción e cualifica a súa xestión de “fracaso absoluto”.

Besteiro acusa ao PP de levar sete anos sen aplicar as 123 medidas aprobadas nun ditame conxunto sobre incendios en 2018. “O resultado”, di, “vímolo este agosto: montes abandonados, falta de medios e un rural desprotexido”. Ademais, carga contra a política popular fronte á emerxencia climática, que considera “negacionista e neglixente”. “Non se pode combater unha emerxencia global cun goberno autonómico instalado na propaganda e na improvisación. Necesitamos planificación, prevención e recursos, non máis escusas”, asegura.

⚙ Configurar cookies
0.16565418243408