Besteiro solidarízase coas persoas afectadas polos incendios en Ourense e reclama un “plan de país” contra o lume

GaliciaXa | OurenseXa
O secretario xeral do PSdeG visitou zonas afectadas pola vaga de lumes en Ourense, mostrou apoio á veciñanza e aos equipos de extinción e defendeu un cambio de modelo forestal con máis prevención
Besteiro Incendios
14 Aug 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este mércores a Ourense para seguir de preto a situación dos incendios forestais que arrasan a provincia, declarada en nivel 2 de alerta. Segundo datos da Xunta, 11 dos 15 lumes de máis de 20 hectáreas activos en Galicia concéntranse neste territorio, con especial gravidade nos dous de Chandrexa de Queixa, que suman máis de 5.000 hectáreas queimadas, e o de Maceda, con 1.700.

Acompañado pola deputada Carmen Rodríguez Dacosta, portavoz de política forestal do Grupo Socialista no Parlamento, e pola deputada Marga Martín, Besteiro visitou varios puntos, incluído o municipio de Maceda, onde se reuniu coa alcaldesa, Uxía Oviedo. Esta relatoulle as dificultades da extinción e como onte tivo que abandonar un vehículo técnico que acabou calcinado polas lapas.

O líder socialista cualificou a vaga de lumes de “devastadora” e trasladou unha mensaxe de ánimo á veciñanza e aos equipos de extinción, especialmente aos brigadistas feridos en Oímbra e noutras zonas. “Cada hectárea que arde é un anaco de nós que se perde”, afirmou, lamentando a perda de montes, biodiversidade e proxectos de futuro.

Besteiro apuntou á emerxencia climática, ao abandono do rural e á falta de políticas de prevención como causas que agravan este tipo de situacións. Reivindicou un “plan de país, transversal e valente” para enfrontar a crise climática e mellorar a xestión do territorio.

Carmen Rodríguez Dacosta incidiu en que, superada a emerxencia, será necesario analizar o sucedido e lembrou que o PSdeG leva reclamando máis recursos humanos e materiais. Pola súa parte, Uxía Oviedo agradeceu o compromiso da veciñanza que colaborou nas tarefas de extinción e destacou a importancia da chegada da UME, que “deu moita seguridade”.

⚙ Configurar cookies
0.049680948257446