BNG e PSdeG suman forzas ante o desmantelamento das políticas locais en materia de igualdade en Ourense

OurenseXa
Ambas organizacións instan á Xunta de Galicia a pronunciarse ao respecto e tomar medidas urgentes ante o inminente peche do CIMM de Ourense
noa-presas-bng
Noa Presas, deputada do BNG no Parlamento de Galicia
23 Maio 2024

Nas últimas semanas, o Goberno Local encabezado por Gonzalo Pérez Jácome confirmaba o traslado do Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) da súa ubicación actual na rúa do Ensino, ao edificio da Praza de San Martiño, onde se ubican outros moitos departamentos municipais. O executivo local informaba de que non se ía realizar ningun investimento no mesmo, ao redor de 200.000 euros, para erradicar a presenza do gas radón pois o edificio non é do Concello, optando polo traslado

Desde o Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, a deputada Noa Presas insta ao Executivo galego a dirixirse ao Concello de Ourense e ás diferentes institucións e entidades implicadas na rede de atención á violencia machista desta localidade para “abordar a necesidade de corrixir a decisión sobre o novo emprazamento do CIMM”.

Para a deputada nacionalista Noa Presas “esta decisión supón un novo ataque do Goberno municipal aos dereitos das mulleres, na liña da supresión de programas de igualdade e de apoio, por exemplo á maternidade. Este retroceso chega acompañado doutras medidas de recorte en materia de servizos públicos e políticas sociais e supón un novo golpe ás persoas máis vulnerábeis do Concello”.

Presas sinala a importancia da ubicación actual do Centro xa que “garántese a confidencialidade e a seguridade das vítimas e de todas as persoas usuarias polo que abandonalas supón un paso atrás xa que, insistimos, abandónase un edificio no que se garante a intimidade e a confidencialidade das mulleres vítimas de violencia machista”.

“Estamos diante dun servizo que debe prestarse coas máximas garantías de intimidade e confidencialidade para as vítimas, e nun entorno agradable e tranquilo e o seu traslado a unha sede onde xa existen outros departamentos municipais e onde o movemento de persoas é moi elevado, o que impide dita confidencialidade, engadindo ademais riscos potenciais”.

Desde o BNG lembran que “a lexislación galega en materia de igualdade e loita contra a violencia machista contempla que a Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza promoverá que as entidades locais incorporen a perspectiva de xénero en todas as súas políticas, programas e accións administrativas, ben como o uso dunha linguaxe e unha imaxe non sexistas”. Así mesmo, “estabelécese que a Administración colaborará, a través da Consellaría con competencias en materia de igualdade, coas entidades locais para, con pleno respecto á súa autonomía, garantir a igualdade entre mulleres e homes en todo o territorio e fomentar medidas de apoio á Rede de Centros de Información á Muller”.

Noa Presas engade ademais que “de entre os obxectivos polos que debe velar o Goberno galego están fomentar a consolidación da Rede de Centros de Información á Muller para afortalar as políticas de igualdade no ámbito local, a coordinación e a colaboración coas entidades locais en materia de sensibilización, de prevención e de atención integral en materia de violencia de xénero, a oferta no ámbito local de servizos de atención e de acompañamento ás mulleres en situación de vulnerabilidade ou a oferta de servizos de atención e de acompañamento ás mulleres en situación de vulnerabilidade a través da Rede de Centros de Información á Muller”.

Desde o Grupo parlamentar do BNG consideran fundamental a implicación do Goberno galego “para garantir unha adecuada atención na cidade de Ourense deste servizo no que colabora e que entra dentro das súas responsabilidades. Non se trata só de ter e manter o servizo, senón de que as súas condicións de funcionamento e accesibilidade sexan adecuadas”.

Os socialistas reclaman á Xunta que tome partido

“A calidade da atención que se pode prestar ás usuarias do servizo, moitas delas vítimas de violencia de xénero, redúcese considerablemente ao non reunir o novo espazo destinado a estas funcións as características necesarias para a confidencialidade e privacidade”, pon de relieve a portavoz do PSdeG en Ourense, Natalia González Benéitez.

É por elo que, en colaboración co grupo parlamentario socialista, elevarán o asúnto á Cámara autonómica para que o goberno de Alfonso Rueda se pronuncie ao respecto e tome partido ante o que cualifican como unha “nefasta e errática” decisión política. “O alcalde da cidade debe rectificar pero para elo tamén ten que posicionarse a Xunta e debe esixir que se fagan as obras precisas na que ata o de agora foi a sede do CIMM”, expón a deputada Carmen Rodríguez Dacosta.

As iniciativas, xa rexistradas para o seu debate, subliñan a importancia destes centros acreditados por configurarse “como servizos de información, asesoramento xurídico e psicolóxico con especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión social”, coa relevante proximidade á cidadanía que ofrece a Administración local.

Foi ano 2011, baixo o executivo bipartito co alcalde o socialista Francisco Rodríguez, cando se inauguraba a dotación pública (rehabilitada con fondos do chamado plan E) para convertela nun centro de información á muller, asentado nas instalacións do antigo edificio de Radio Ecca, no barrio do Couto. “O espazo conta con salas de atención para a educadora, a psicóloga, a traballadora social e a asesora xurídica co obxectivo de dotar de privacidade, dignidade e tranquilidade ás usuarias deste servizo”, lembran as socialistas e contrapoñen o emprazamento no que deben traballar agora, situado no segundo andar do edificio municipal multidisciplinar da praza San Martiño.

“O CIMM debe seguir operativo neste edificio que como indicamos cumpre os requisitos de privacidade e seguridade das usuarias e ademais o goberno de Jácome ten a obriga, mentres non se solvente esta problemática de ofertar un local en condicións adecuadas aolabor que alí se desenvolve”, remata a voceira do grupo socialista no Concello.

0.11982703208923