Boas sensacións para o Club Marbel na segunda xornada do Europeo de Jiu Jitsu en Creta

O Jiu Jitsu Club Marbel de Ourense continúa a súa destacada participación no Campionato Europeo de Jiu Jitsu que se celebra na illa de Creta (Grecia) entre o 14 e o 21 de marzo, sumando logros importantes na segunda xornada de competición.
Nesta segunda xornada, o ourensán Rubén Córdoba acadou a novena posición na categoría de Loita masculina -94 kg, un resultado especialmente valorado tendo en conta, explica o Club, que o nivel do Europeo adoita ser incluso superior ao do Mundial.
Estes resultados súmanse aos obtidos na primeira xornada, na que os representantes ourensáns lograron unha medalla de prata e un quinto posto. Silvia Iglesias e Lucía Caneiro subiron ao podio tras conseguir a prata en Dúo Show Sub 21, mentres que Leire Carrera quedou en quinta posición na categoría de Loita feminina Sub 21 -57 kg, quedando ás portas das medallas nunha competición de alto nivel.
O Club Marbel participa nesta edición cunha expedición histórica de dez deportistas, que representan a Ourense en distintas categorías ao longo de toda a semana. Entre as próximas citas, o mércores 18 competirán en Dúo Máster (45-49 anos) os bicampións do mundo Felipe Iglesias e Xermán Rodríguez; o xoves 19 será a quenda do Dúo Sub 16, formado por Carla Seoane e Beatriz Nesi; e a participación ourensá pecharase o sábado 21 co Dúo Mixto Sub 14, integrado por Alicia Pazos e Álvaro Seoane.
Todos os integrantes do equipo accederon ao Europeo tras situarse en primeira ou segunda posición no ranking nacional das súas respectivas categorías, o que reflicte o alto nivel competitivo do club.
O campionato celébrase no Heraklion Arena, na cidade de Heraklion, a cuarta máis poboada de Grecia, un recinto con capacidade para máis de 5.000 espectadores que acolle a deportistas de toda Europa nunha das principais citas do calendario continental de jiu jitsu.