Cachamuíña estrea un parque infantil totalmente renovado e accesible

OurenseXa
Estas intervencións enmárcanse no conxunto de actuacións impulsadas pola Deputación na contorna do encoro, que superan os 560.000 euros de investimento
novo-parque-cachamuiña
17 Dec 2025

A Deputación de Ourense rematou as actuacións de mellora no parque infantil de Cachamuíña, unha área recreativa situada no Concello de Pereiro de Aguiar e xestionada pola institución provincial. As obras permitiron modernizar o espazo e dotarlo de novos elementos adaptados, reforzando o seu carácter inclusivo e a súa seguridade.

O presidente da Deputación, Luis Menor, visitou este mércores as instalacións para comprobar o resultado das actuacións, destacando que se trata dun espazo “inclusivo” pensado para que todos os nenos poidan gozar do xogo en igualdade de condicións. Neste sentido, subliñou que “melloramos seguridade e fomentamos a inclusión social nunha área recreativa de referencia, moi demandada pola veciñanza da cidade e da súa contorna”.

Os traballos, que supuxeron un investimento próximo aos 43.000 euros, incluíron a instalación dun columpio adaptado para persoas usuarias de cadeira de rodas, con sistemas de peche e mecanismos de impulsión autónoma. Así mesmo, habilitouse un acceso adaptado para eliminar barreiras arquitectónicas e facilitar a mobilidade.

Outra das melloras destacadas foi a substitución do antigo chan de area por un pavimento continuo de caucho, un material que absorbe impactos, incrementa a seguridade e permite un desprazamento máis cómodo das persoas con mobilidade reducida.

De xeito complementario, a Deputación instalou unha árbore solar na zona recreativa, reforzando o carácter sostible e innovador do espazo. Este equipamento, que permite recargar dispositivos electrónicos mediante enerxía solar, conta con dous paneis fotovoltaicos e unha mesa integrada como punto de descanso. A actuación supuxo un investimento aproximado de 10.000 euros, financiado integramente pola institución provincial.

Estas intervencións forman parte do conxunto de actuacións impulsadas pola Deputación na contorna de Cachamuíña, que superan os 560.000 euros de investimento. Ás melloras do parque infantil súmanse outras infraestruturas xa executadas, como unha nova pasarela peonil, un parque canino, zonas de calistenia, o parque da Igualdade e novos espazos de aparcadoiro, co obxectivo de dar resposta á elevada afluencia de persoas que visitan diariamente esta área recreativa.

⚙ Configurar cookies
0.080235958099365