Cachamuíña terá unha nova ponte peonil para mellorar a acesibilidade á área recreativa

OurenseXa
O pasarela substituirá a xa existente, eliminando as barreiras arquitectónicas nesta zona verde
Encoro de Cachamuiña
Encoro de Cachamuíña
18 Out 2024

A Deputación de Ourense construirá unha nova pasarela peonil e habilitará un novo tramo do sendeiro no encoro de Cachamuíña, mellorando así a accesibilidade nesta zona verde e de esparexemento da cidade e da súa área metropolitana, eliminando as barreiras arquitectónicas existentes na actualidade. A execución do proxecto, xa adxudicado, comezará en próximas datas.

A nova pasarela substituirá á existente na actualidade, na cola do encoro de Cachamuíña, formando parte da ruta que rodea este espazo natural. A ponte actual presenta deficiencias por deterioro e, como consecuencia, ten elevados cusos de mantemento.

Ademais, para facilitar a accesibilidade en camiños naturais con tránsito de peóns e bicicletas como este é preciso cumprir cunha serie de requisitos que resolverá o novo paso. Así, a accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas convértese no motivo principal da nova construción.

Con este proxecto preténdese dotar ao espazo dunha solución que permita garantir unhas condicións de comodidade e seguridade óptimas para o usuario da ruta do encoro de Cachamuíña. Tamén ten como obxecto a mellora do aspecto estético do lugar e diminuír os custes de mantemento da pasarela actual, debido ao seu estado de deterioro.

Accións complementarias

A Deputación de Ourense, como entidade responsable da xestión deste espazo natural e recreativo, tamén ten prevista a dotación de máis servizos como a construción duns baños públicos e dun parque canino.

Precisamente, por ese labor de xestión do espazo, a institución provincial xa executou con anterioridade outros proxectos como os parques infantil, de calistenia e biosaudable; o parque da Igualdade; un novo aparcadoiro; e mailo espazo cedido pola Fundación CumLaude para engadir o ámbito artístico a esta gran área. Dotacións ás que se engaden actuacións de iniciativa privada como as cabañas de uso turístico inauguradas hai tres anos ao carón do encoro.

0.18787598609924